A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón anunciou a celebración da XVII Asemblea Nacional para o vindeiro 7 de novembro co reto de “multiplicar, en dous anos, os gobernos do BNG nos concellos e liderar a Presidencia da Xunta de Galiza”.
Tras a reunión do Consello Nacional, Pontón afirmou que o BNG é “a alternativa real ao PP para liderar un futuro diferente desde a igualdade de oportunidades, a solidariedade entre xeracións e o orgullo do noso, a confianza no potencial do País e poñendo a riqueza de Galiza a disposición das familias, e empresas”.
Co reto de liderar a Xunta de Galiza, Pontón salientou a solvencia e coherencia do BNG porque “nin estamos no servilismo, nin estamos na confrontación inútil e o BNG non é correa de transmisión nin de Casado nin de Sánchez”. Galiza merece moito máis que "o sucursalismo das forzas estatais, apuntou".
Feixoo, devoto do centralismo madrileño
Na súa intervención animou a todos e todas as membros do Consello Nacional a “traballar con forza” para liderar a alternativa de goberno á presidencia da Xunta e a un Feixóo que se comporta como un “kamikaze que vai en dirección contraria aos intereses de Galiza” como as peaxes da AP9, o boom eólico depredador a favor do lobby eléctrico mentres persiste no seu veto á tarifa eléctrica galega e a falta de propostas económicas para sacar a Galiza da crise.
“Feixóo non sabe defender Galiza”, pero e que tampouco quere, porque é “un devoto practicante do centralismo madrileño” que tanto nos prexudica. Sempre, que hai que optar entre estar do lado de Galiza ou estar do lado do centralismo, elixe xogar no equipo contrario.
“Un madricentrismo”, explicou que tamén asume cando se trata de defender dereitos e liberdades, como acabamos de ver coa “Lei de eutanasia, contra á que o PP presenta recurso”. Ao PP “non lle gusta o dereito a unha morte digna”, xa o dixo publicamente, pero o que agora ten que aclararnos é se vai poñer trabas a súa aplicación, se vai poñer trabas ao dereito dos galegos e das galegas a unha morte digna. Porque o “dereito a vivir dignamente tamén inclúe o dereito a un final digno”.
Outra Galiza e outra forma de gobernar é posible
Por outra parte, dixo, non resulta estraño ver ao PP en contra do avance dos dereitos e das liberdades, teñen un amplo historial de oposición: a lei do divorcio, a lei do aborto, a lei dos matrimonios entre persoas do mesmo sexo, a lei de igualdade e agora á lei da eutanasia. “Un PP cada vez máis parecido a esa extrema dereita racista, machista, xenófoba e antigalega coa que se manifesta de ganchete en Colón”.
Dende o BNG defendemos que “outra Galiza é posible e outra maneira de Gobernar é posible”, como demostramos nos concellos, con gobernos de calidade e de boa xestión, con políticas transformadoras que melloran a vida da xente e con visión de futuro.
O reto, remarcou Pontón, é claro: “en dous anos reforzar e multiplicar os gobernos BNG nos concellos como preámbulo a liderar a Presidencia de Galiza para darlle un futuro mellor, e de esperanza aos galegos e galegas”.
Reforzar a sanidade e o dereito a unha vellez digna
Ante a Galiza post COVID destacou a coraxe, xenerosidade e exemplar comportamento da maioría dos galegos e das galegas e puxo en valor o inmenso esforzo do persoal sanitario. Tamén trasladou o apoio a todas as persoas que participan na vacinación permitindo unha desescalada segura e salientou o esforzo das traballadoras das residencias, -que soportaron o peor da pandemia-, e de todos os e as profesionais que xogaron un papel imprescindible nos meses máis duros da crise. “Sempre estarán na nosa memoria os 2.434 galegos e galegas que perderon a vida e as súas familias"
A pandemia constatou que urxe reforzar a sanidade pública e para iso é preciso “reverter doce anos de recortes do PP”, empezando pola Atención Primaria cun plan de choque de 200 M€ para sacala da UCI.
Ademais, reiterou a defenda do BNG dun modelo de residencias que non faga negocio coa vellez, e anunciou que o BNG presentará unha “nova lei no Parlamento” para garantir o dereito a unha vellez digna.
No aspecto económico, a portavoz nacionalista destacou o impacto negativo da COVID sobre as PEMES e a actividade laboral, neste sentido, apostou por destinar os fondos Next Generation ao tecido produtivo e e cara un novo modelo económico, “verde, sustentable e asentados na investigación”, reforzando a sanidade e servizos públicos.