O director de campaña ás Xerais 10N, Rubén Cela afirmou que o BNG encara o proceso electoral coa máxima ilusión e como “única candidatura netamente galega, sen ataduras nin dependencias”.
Baixo o lema: FACER VALER GALIZA, CON VOZ PROPIA, o BNG centra a campaña electoral do 10N, porta a porta, boca a boca e con máis de 300 actos e mitins por toda Galiza. Unha campaña, explicou Cela, realizada exclusivamente co esforzo de milleiros militantes e simpatizantes do BNG e sen subscribir ningún crédito bancario. Unha campaña “sufragada integramente pola militancia do BNG”, recalcou.
Rubén Cela manifestou que o BNG suma cada día máis apoios, como o demostran preto de medio millar de novas altas dende as pasadas eleccións municipais.
CANDO DECIDEN POR NÓS A GALIZA NON LLE VAI BEN
“Se non nos defendemos nós a nós mesmos, ninguén o fará por nós. Cada vez que outros falan e deciden por nós, a Galiza non lle vai ben. Precisamos ter voz propia en Madrid”.
Para o responsable da campaña electoral nacionalista, “Galiza debe xogar na liga das nacións xunto a Euskadi e Catalunya, mais agora mesmo, ten menos peso político que Cantabria. Iso podémolo cambiar o 10N e non imos desaproveitar esta nova oportunidade. A forma de facelo é concentrando todo o voto nacionalista, galeguista e daquelas persoas que queren unha Galiza maltratada”. Isto podemos conseguilo coa única candidatura de país que se representa, o Bloque Nacionalista galego.
“Pedimos o apoio de todas esas persoas que se sentiron apenadas ao día seguinte das eleccións por ver como Euskadi, Catalunya, Canarias… ou incluso Cantabria estaban mellor representadas que Galiza”.
O BNG PIDE UN DEBATE NA TVG
Nós, a diferenza de outras forzas políticas, explicou Cela, non contaremos cos platós de televisión pero hoxe queremos lanzar unha mensaxe á CRTVG. como servizo público pagado cos impostos de todos os galegos e galegas e que debería ser un medio neutral e facilitar un debate e contraste de opinións desde unha óptica galega: Menos “conexión Madrid” e máis conexión con Galiza. Por iso, “reclamamos publicamente a realización dun debate cos lideres das forzas políticas galegas a respecto das Eleccións xerais” e emprazamos directamente a Feixóo, autoproclamado tantas veces como “militante de Galicia”, que non prive a Galiza dese debate, que non se agoche e que dea cara nun debate en prime time.
O BNG PIDE QUE SE GARANTA O VOTO DAS PERSOAS DESPRAZADAS
Finalmente, Rubén Cela tamén se referiu aos impedimentos de milleiros de galegos e galegas no exterior á hora de poder exercer o seu dereito a voto, residentes ausentes, residentes temporais ou mariñeiros embarcados na frota pesqueira porque mentres un “lexionario en Irak, os tripulantes da armada española no Índico ou un astronauta desde a estación internacional MIR, poden votar, un mariñeiro galego embarcado non pode facelo polo consenso das forzas estatais e casualmente, esta circunstancia afecta especialmente a Galiza.
Por ese motivo, no día de onte, o BNG dirixiuse formalmente á Xunta Electoral Central para reclamar a articulación de medidas que garantan o cumprimento da lei electoral sobre a recepción da documentación para poder votar e co propio exercicio do voto das persoas desprazadas
O BNG NON É UNHA FORZA POLÍTICA LÍQUIDA, GASEOSA NIN CAMBIA DE CHAQUETA
Nun contexto político de tanta frivolidade, de cambio de posicións en función de como van as enquisas, de política “líquida” ou case que gaseosa, hai unha forza política, coas ideas claras, que non cambia de chaqueta, dialogante e capaz de chegar acordos, pero tamén firme e insobornábel cando se trata de defender a Galiza e por iso temos o convencemento de que imos ser capaces de transformar a decepción e o cabreo dos galegos e as galegas nun voto a favor de Galiza.
Estamos convencidos e convencidas de que desta vai!