O BNG empraza á Xunta a revisar urxentemente a política contra incendios

Tereixa Paz afirmou que “os datos dos últimos días evidencian o fracaso da política contra incendios e o seu colapso cunha actividade incendiaria moderada”

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Tereixa Paz, emprazou esta mañá á Xunta de Galiza a revisar a súa política contra os incendios xa que, segundo afirmou, “os datos dos últimos días evidencian o fracaso da política contra incendios e o seu colapso cunha actividade incendiaria moderada”.

A deputada do BNG alertou de que “é preciso rectificar o dispositivo da loita contra incendios atendendo ao momento crítico que se vai vivir nas vindeiras horas por mor do tempo, xa que a partir de hoxe entramos nun período crítico coa entrada dunha ola de calor acompañada de intensos ventos que no caso de non rectificar o dispositivo pode someter á indefensión ao país e aos propios traballadores e traballadoras do dispositivo”.

os datos dos últimos días evidencian o fracaso da política contra incendios

Para Tereixa Paz, os datos dos últimos vinte días demostran o fracaso do PLADIGA 2013, xa que cunha actividade incendiaria que entra dentro dos parámetros de normalidade se produce un colapso do dispositivo con incendios que superan con moito a extensión media doutros anos.

A deputada do BNG explicou que “non é normal que en situacións como a desta fin de semana, por exemplo en Ourense, con 10 ou 12 incendios declarados, non fosen quen de facer fronte en mellores condicións a incendios que nalgúns casos chegaron a superar as 100 hectáreas e puxeron en perigo aldeas e obrigaron a cortar a autovía A-52”.

Improvisación e irracionalidade no deseño do dispositivo da Xunta

Para o BNG as terribles consecuencias que están a ter os incendios forestais neste verán débese á improvisación e á irracionalidade coa que a Xunta deseñou o dispositivo, sobre todo nos seguintes ámbitos: dunha banda o nulo despregue dos dispositivos aéreos no territorio provocou que aínda a día de hoxe non estea dotada nin de helicóptero nin de brigada helitransportada as bases de S. Xoán de Río e o Barco. Por outra, as brigadas propias da Xunta de Galiza en moitos casos non merecen tal denominación xa que é frecuente que conten con 3 ou 4 efectivos en lugar dos sete cos que deberían contar. Tal e como afirmou Tereixa Paz, “isto débese á non reposición de efectivos nin cobertura de baixas, xubilacións, etc., o cal, ademais de distorsionar a súa capacidade de actuación, supón un claro perigo para a seguridade laboral dos e das traballadoras.

Outros motivos que están a provocar unha ineficaz xestión dos procesos incendiarios son, segundo defendeu Tereixa Paz, que “máis de 2000 persoas que se prevía contratar a través de brigadas municipais nin se completaron, na maioría dos casos fíxose tardiamente e sen que se tiveran en conta os criterios de aptitude e profesionalización. Son numeroras as denuncias ao longo de todo o territorio nacional de que os procesos están inzados de irregularidades que só pretendían converter estas brigadas en instrumentos para "colocar" persoas afíns ao PP sen ter en conta a súa capacitación para o traballo nin a súa formación”. Ademais, os grupos de emerxencia supramunicipal, tamén dependentes do vicepresidente Rueda e que tamén debían integrarse no dispositivo, nalgúns casos aínda non remataron os procesos de contratación e noutros aínda están en período de formación dos seus integrantes. Todos estes feitos, xunto coa ausencia de política de prevención e de planificación forestal teñen desencadeado este fracaso que estamos vendo nas últimas semanas.

Cómpre unha revisión urxente do PLADIGA

Á vista da ola de calor e vento que se anuncia a partir de hoxe o BNG empraza á Xunta de Galiza a acometer unha inmediata e urxente revisión do PLADIGA e do dispositivo para pór fin á súa dispersión de medios, introducir criterios de racionalidade en base aos datos obxectivos de incendios forestais e dismensionalos adecuadamente. En caso contrario podemos atoparnos ante unha indefensión do noso país ante unha eventual adversidade.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG