BNG denuncia o uso “discrecional e caciquil” do PP do 75% dos fondos para os concellos previstos nos orzamentos 2023

Encontro municipal
Encontro municipal

Pontón propón elaborar unha lei que regule a participación nos ingresos da Xunta que clarifique a participación anual e os criterios de reparto

Aposta por desenvolver un plan galego de financiamento dos concellos que inclúa un plan anual de infraestruturas e un fondo extraordinario para gastos enerxéticos  

O BNG denuncia que o PP utiliza de xeito “discrecional e caciquil” o 74,6% dos fondos para os concellos previstos nos orzamentos da Xunta para 2023, un reparto “inxusto e discriminatorio” que favorece aos concellos gobernados polos populares, discriminando deste xeito aos veciños e veciñas que teñen alcaldes ou alcaldesas doutras formacións políticas.

Así o afirmou a portavoz nacional, Ana Pontón, logo do encontro de traballo que mantivo en Santiago con responsables municipais do Bloque para analizar a afectación que terá sobre os concellos o proxecto de orzamentos para o próximo ano, sobre o que advertiu que dos 564,4 millóns previstos para transferencias ás corporacións locais entre o fondo de cooperación local e as transferencias por subvencións e outras aportacións, “só 143,4 corresponden ao fondo de cooperación”.

A este reparto que deixa a criterios discrecionais case o 75% dos recursos -cas tres puntos máis quen en 2022, onde esta porcentaxe xa foi do 72,2%-, tamén sumou o “escandaloso uso partidista” dos fondos do plan HURBE que, segundo recalcou, contemplou nos dous últimos anos 58 convenios asinados, dos que 57 foron a concellos gobernados polo PP.

Encontro municipal
Encontro municipal

A líder nacionalista lembro que “a esta maneira de entender o goberno”, o PP suma nos seus orzamentos para 2023 “sen ningún tipo de rubor” un pelotazo fiscal co que vai a beneficiar a 7.700 millonarios, con patrimonios medios por valor de 6 millóns de euros, e unha suba das taxas do lixo a miles de galegos e galegas, eliminando a bonificación por reciclaxe nesta taxa, e o canon da auga aos veciños e veciñas de moitos concellos do País.

“É dicir, que mentres a crise de prezos afoga á maioría dos galegos e das galegas, a receita do PP é rebaixarlle os impostos aos grandes patrimonios, mentres lles sobe as taxas ás familias e mentres reparte os fondos públicos entre os concellos con discrecionalidade e caciquismo”, recalcou, para reclamar ao PP que rectifique o seu proxecto de orzamentos no que o BNG reclamará a rebaixa de forma efectiva da taxa de Sogama e a eliminación do incremento do canos da auga e da taxa de depuración, que fixa a Lei do Ciclo da Auga.

No que respecta ao financiamento local en concreto, Pontón considerou preciso “desterrar o uso caciquil que está facendo o PP dende a Xunta dos recursos que son de todos os galegos e galegas” e, neste sentido, avanzou que o BNG trasladará ao debate orzamentario unha serie de propostas para acadar que as contas de 2023 traten por igual aos concellos a través do establecemento dun mecanismo para que o reparto dos fondos ás entidades locais sexa “transparente, ecuánime, obxectivo e obxectivable, e que garante a igualdade de acceso aos recursos de todos os concellos”, o que quere dicir acceso igualitario aos recursos de todos os veciños e veciñas “vivan onde vivan e voten o que voten.

De igual xeito, proporá a elaboración dunha lei, consensuada coa FEGAMP, de regulación da participación nos ingresos  da comunidade autónoma na que se clarifiquen cal é a participación anual e os criterios de reparto, e defenderá a elaboración dun plan galego de financiamento dos concellos, para o que avogou en primeiro termo por integrar no Fondo de Cooperación Local as axudas e subvencións anuais que o Goberno galego destine ás entidades locais, fórmula que considerou a indicada para “que haxa unha distribución equitativa e se respecte a autonomía financeira e a suficiencia local”.

A isto engadiu a creación dun fondo anual para infraestruturas destinado aos concellos para que tamén haxa unha transferencia equitativa neste ámbito de actuación e a creación dun fondo extraordinario de 50 millóns para axudar aos concellos a afrontar os gastos enerxéticos que están asumindo no exercicio das súas competencias, pero tamén doutras que lle son impropias, como acontece nos casos de centros escolares ou centros de saúde.  

Propostas todas elas “en positivo” e que deberían recoller os orzamentos da Xunta para 2023, segundo afirmou, pola súa banda, o alcalde de San Sadurniño e portavoz do BNG na FEGAMP, Secundino García, quen advertiu que no proxecto orzamentario do PP o que medra é a parte “non regrada” dos fondos destinados ás entidades locais, “as transferencias condicionadas”, ás que, segundo afirmou, os concellos en moitos casos non poden acceder”. García asegurou que estes orzamentos non cumpren as expectativas que deberían cumprir nun contexto difícil para os municipios, que vanse ver na obriga de destinar moitos recursos a gasto corrente e van ter moitas dificultades para seguir prestando os servizos de proximidade que lles son propios. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG