A deputada do BNG, Ana Pontón denuncia a hipocrisía do Partido popular sobre a transferencia da AP-9 e acusa a Feijóo de ir de farol na reclamación da infraestrutura
A deputada do BNG, Ana Pontón anuncia que o Grupo parlamentario do BNG presentará ante a Mesa do Parlamento unha queixa polo trato discriminatorio do PP na tramitación das leis en relación a constitución, hoxe, da ponencia da Lei do Solo debatida o 24 de novembro do 2015 mentres a ponencia da AP-9 segue sen constituírse a pesar terse debatido o 29 de setembro do 2015 e co prazo de emendas rematado o 12 de novembro.
A deputada cualifica de hipócrita a postura do Partido popular sobre a transferencia da A-9 e acusa a Feijóo de xogar de farol cando en realidade non ten interese en reclamar a xestión da infraestrutura para Galiza.
Ethel Vázquez, versus delegada da concesionaria da AP-9
Por outra parte, a parlamentaria do BNG tilda de lamentable que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez afirme nunha entrevista que o debate sobre a vía de conexión do Eixe Atlántico non debe centrarse no prezo da peaxe senón no servizo que presta. A xuízo da nacionalista, a conselleira parece a delegada da concesionaria e lembra que o propio Ministerio de Fomento sitúa a AP-9 entre as autoestradas máis caras do Estado.
Ana Pontón salienta que o BNG rexistrou no Parlamento o 3-12-2015 unha Moción pola que insta a Xunta de Galiza a reclamar do goberno do Estado que nas peaxes de 2016 se aplique unha redución na AP-9 e AP 53 nun 50%, repoñer o conxunto de traballadores/as suprimidos nos últimos anos, garantir como mínimo, unha cabina con cobro manual en todas as peaxes da AP-9 e AP 53 e elaborar un estudo sobre a situación xurídica da AP-9 co obxectivo de rescatar a concesión para a xestión pública.