BNG denuncia os recortes no ensino de Vigo e exixe á Xunta respostas ás demandas dos centros educativos da cidade

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández reprocha a falta de profesorado, á que suma eivas de infraestruturas, a mala calidade da comida ou a necesidade de máis centros

BNG denunciou no Parlamento galego a política de recortes que está aplicando a Xunta do PP no ensino público de Vigo e exixiu ao Goberno de Feixóo que “deixe de facer ouvidos xordos” e facilite resposta ao “cúmulo de demandas” de diversos centros educativos da cidade.

Así o reclamou a deputada Alexandra Fernández nunha pregunta parlamentaria, na que enumerou boa parte das deficiencias e eivas nas que se atopan a rede pública de ensino en Vigo. Deste xeito, recordou que a comunidade educativa do CEE Saladino Cortizo veuse obrigada a mobilizarse para denunciar que a Xunta decidise amortizar a praza da súa traballadora social, logo de esta se xubilar, unha figura que cualificou de “moi importante nun centro onde un 35% do alumnado son usuarios de servizos sociais”. A esta mobilización sumou á da ANPA do colexio Rodríguez Castelao de Navia para reclamar máis profesorado especializado para abordar o aumento de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais e denunciar a falta dun departamento de Orientación no centro.

De igual modo, fíxose eco do “xoves negro” do CEIP Paraixal, onde reclaman unha especialista en Audición e Linguaxe e unha pedagoga terapéutica, e da mobilización da ANPA do IES San Tomé, onde o Executivo galego eliminou un dos dous grupos de 1º da ESO, o que provocou que se superasen os 30 alumnas e alumnos por aula, “é dicir, estanse incumprindo os límites de ratio”, ademais de que hai un só orientador para 817 alumnos e alumnas.

Fernández advertiu que esta situación esténdese de forma xeneralizada pola rede de centros públicos da cidade, cunha desatención aos centros que ten un impacto negativo na calidade educativa. “En primeiro termo, sobre o alumnado que require de profesorado especializado; en segundo, sobre o resto do alumnado, que ve mermada a atención por ter un profesorado sobrecargado de traballo e unhas aulas masificadas; e, finalmente, sobre o propio profesorado, ao que vostedes están queimando coa falta de investimento”, reprobou.

Ao seu xuízo, os “xoves negros” da comunidade educativa viguesa “son unha chamada de atención contundente contra as súas políticas de recortes”, afeou ao conselleiro de Educación, ao que tamén advertiu que “se continúan degradando a educación pública a base de infradotar de persoal os centros e masificar as aulas van ter vostedes a comunidade educativa enfronte; non lles van permitir destruír o papel da educación como motor de equidade social”.

Fernández afeou a resposta do conselleiro na que “esbozou unha situación que funciona á perfección, mais a realidade é moi distinta da que vostedes pinta” e engadiu unha relación das deficiencias que se acumulan no ensino público de Vigo. “CEIP Alfonso R. Castelao, necesitan máis mestres especialistas en Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e auxiliar educativo; CEIP Mestres Goldar, necesitan orientador e profesional en Audición e Linguaxe a tempo completo; os CEIP Paraixal, Sobreira Valadares e Josefa Alonso, precisan máis horas de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e orientación; CEIP Escultor Acuña, suprimiron unha praza de especialista en Audición e Linguaxe coa promesa de recuperala e aínda están agardando, ademais de necesitar máis horas de Pedagoxía Terapéutica; CEIP Seis do Nadal e IES O Castro, falta outro orientador; IES San Tomé, teñen aulas saturadas con 33 alumnxs e precisan profesorado para desdobrar aulas; CEP Celso Emilio Ferreiro, necesitan outro especialista en Pedagoxía Terapéutica e outra en Audición e Linguaxe”, resumiu.

A deputada nacionalista recalcou que podería seguir enumerando, dado que, á falta de profesorado, hai que sumar “os problemas de infraestrutura, a mala calidade da comida encargada pola Xunta ou a necesidade de máis centros”, demandas concretas que, segundo recalcou, se acumulan e que “tivo que ser a propia federación de ANPAS a que fixera un traballo de identificación e rexistro para ter unha radiografía dun problema xeneralizado”.

“Así que o seu problema é que lles falta diálogo e a súa resposta é a de facer ouvidos xordos, como fixeron, por exemplo, no caso do instituto de Chapela, onde dimitiu en bloque a directiva polo recorte dunha praza de orientación e hoxe a Xunta segue sen contestar nin tan sequera á carta de dimisión”, censurou, para rematar a súa intervención reclamando ao titular de Educación que “deixe de aparentar que non pasa nada” e atenda ás demandas da comunidade educativa de Vigo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG