O BNG levou ao Pleno a situación de parálise do sector termal en Ourense, cidade “cuxo potencial en termalismo é o segundo en Europa, despois só de Budapest”, que está “a ser desaproveitado pola Xunta e polo goberno municipal”, denunciou a deputada ourensá, Noa Presas.
Presas expuxo “como hoxe hai menos aproveitamento termal real que cando vostedes entraron na Xunta hai 14 anos”, acusou á bancada popular, á que sinalou como “responsable dun bloqueo sen precedentes” ao termalismo ourensán, malia que o presidente da Xunta, remarcou “diga que o termalismo sexa o novo Xacobeo” as cifras, denunciou, non se corresponden cun aproveitamento do potencial termal.
A deputada do BNG denunciou como o Goberno do PP “aprobou no 2019 unha nova lei termal fracasada, que engadiu problemas onde non os había”, dixo en referencia a unha lexislación que deixa “pechada a piscina das Burgas e non vai abrir ata 2024, catro anos despois do peche”, criticou. Algo que, na súa visión “amosa como Ourense, co PP, perde” todo o seu potencial termal.
O mesmo PP, reprobou a deputada por Ourense, “que non executou un Plan Termal xa de por si cativo con ducias de proxectos sen desenvolver”, con tarefas pendentes aínda a día de hoxe, “desde a recuperación da burga de Canedo á apertura da Ponte Murallón ou a cuberta das Burgas”. Incumprimentos aos que se lles suma a promesa “dunha area termal, aínda sen orzamento nin persoal”.
Presas fixo mención “á única aportación do PP, a última tomadura de pelo” en relación a unha fonte cun custo de 100.000 euros inaugurada no mes pasado por Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, “que levan tres anos dicindo que vai ser termal e nin é termal nin ten auga potable. Por ter, durante as primeiras semanas non tiñan auga”, denunciou.
Ademais “do desleixo” da actual Xunta con Ourense, a propia cidade “está gobernada por un alcalde a un señor que di que o termalismo é un bluf”, criticou, en alusións ao actual rexedor da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, no goberno grazas a un pacto co Partido Popular. “O resultado disto, chega a Semana Santa, péchase o Centro de Interpretación das Burgas, e non hai nin tren termal”, recriminou a deputada do BNG.
Cun Goberno do PP na Xunta e un concello ourensán “letais” para o termalismo desta urbe, a parlamentaria nacionalista defendeu un modelo alternativo, con propostas como “a revisión da lei termal para adaptar á realidade, xa contestada non seu día no proceso de tramitación” e unha compensación económica para o consistorio ourensán polo peche das Burgas, “cun plan de mellora da súa contorna e unha declaración BIC” para este conxunto icónico de Ourense e Galiza.