O deputado Oscar Insua denunciou este xoves na comisión de investigación sobre as irregularidades na contratación pública a ocultación por parte do PP de documentación, que considera “incompleta, non obxectiva e que non di toda a verdade” sobre os contratos menores.
O deputado nacionalista volveu referirse aos 1.311 contratos menores por valor de case 5 millóns de euros coa empresa Eulen, que dirixe en Galiza a irmá de Alberto Núñez Feijoo. Cuestionou na súa intervención diante do responsable de compras do Sergas durante a pandemia, Alberto Baz López, a legalidade dos contratos menores nos que aparece como obxecto de compra "outros".
Insua fixo referencia aos contratos aos que puido ter acceso o BNG porque están publicados na plataforma de contratos da Xunta entre 2018 e 2024, porque o resto “pedímolos nesta comisión pero o PP négase a dárnolas”, sinalou.
Insua advertiu que na documentación que se lle facilitou ao BNG na comisión só aparecen 109 contratos de Eulen co Sergas, mentres nos últimos 5 anos, en contratos menores, hai 390 coa empresa da irmá de Feijóo pero faltan os comprendidos entre 2009 e 2018, asegurou. O deputado aproveitou a súa réplica para despregar polo solo da sala onde se celebra a comisión de investigación unha lista de todos os contratos menores con Eulen desde 2018 ate 2023 porque, asegurou, “teñen que estar nesta comisión para poder tirar conclusións acorde á documentación real que hai na Xunta. “Son os contratos do señor Feijóo e de Rueda”, aclarou.
Nesa relación de adxudicacións dos últimos cinco anos existen por exemplo 69.452 contratos co obxecto “material de laboratorio”, por valor de 297millóns de euros, 72.423 para “outro material sanitario” por valor de 600 millóns de euros, 271.656 contratos por 1,6 mil millóns de euros co concepto “produtos farmacéuticos e material sanitario” ou caso 8 mil contratos por valor de 11,2 millóns de euros co obxecto de “outra subministración”.
“Incluso hai 12.000 contratos menores por valor de 31 millóns de euros onde pon simplemente “outros”, e fan referencia a contratos do Sergas. “Vostede cre que isto é legal, que se pode facer así”?, preguntou.
“Aquí o que temos claro é que as cousas non se están facendo ben”, criticando a forma de proceder á hora de contratar material sanitario porque “por riba está o interese público” e o certo é que “hai un montón de contratos menores que non proceden de contratos marco e que están con ese tipo de “obxecto”. “Material que non é sanitario, que son subministros, non se poden comprar por medio de contratos menores; Están facendo irregularmente a contratación”, incidiu.
Respondendo ao deputado, o responsable de compras recoñeceu que “hai unha marxe de mellora nas contratacións menores do Sergas”, a sanidade e nos hospitais a nivel de compras. Oscar Insua tamén lle preguntou a Alberto Baz quen propuxo os contratos de emerxencia de Univeral Support, da que é directivo o cuñado de Feijóo, Sibuco, a quen o Sergas lle mercou mascarillas durante a pandemia, e de Mape Asesores, a empresa na que mediaba o compañeiro sentimental de Iasbel Díaz Ayuso. Empresas todas elas obxecto de investigación nesta comisión e que cuxas comparecencias dos seus responsables tamén vetou o PP.