parlamento galego

BNG denuncia o proceso de privatización por parte do PP de cinco centros de crise para as vítimas de violencia machista

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Rodil advirte que se van destinar 7,5 millóns de euros para que empresas multiservizos “engorden o seu negocio a conta dos dereitos das mulleres”

A portavoz de Política Social e  Igualdade, Olalla Rodil, denunciou a privatización impulsada polo Goberno do PP dos centros de crise 24 horas para vítimas de violencia machista, un proceso ao que se van destinar 7,5 millóns de euros para que empresas multiservizos “engorden o seu negocio a conta dos dereitos das mulleres”.

“No BNG temos claro que os dereitos e a atención das mulleres en situación de violencia machista non poden quedar en mans destas empresas”, asegurou, para a continuación preguntarse  “canto persoal público se podería contratar no Sergas para garantir unha atención pública da máxima calidade con ese diñeiro”. Cualificou así de “curioso” que a empresa “Eulen leve semanas buscando persoal para xestionalos e antes de que se peche o proceso de licitación”

A viceportavoz primeira do BNG denunciou en rolda de prensa o “afán privatizador” do Partido Popular, pois este é xa o segundo intento que fai a Xunta no caso dos centros de crise 24 horas. Segundo explicou Rodil,  o Executivo do PP xa sacara en 2023 licitación da xestión destes centros, mesmo antes de ter os espazos onde albergalos, polo que  aquel proceso se tivo que paralizar. “Ían privatizar o quen non existía, xa estaban vendendo a súa explotación e aínda non tiñan os centros”, dixo.

Agora, unha vez adxudicadas as obras dos centros, “lonxe de recapacitar, volven á carga” ao intentar privatizar de novo a xestión. “Desde o BNG pedímoslle á Xunta que paralice esta privatización e garanta a xestión pública destes centros de crise a través do persoal da Consellería de Sanidade, que -quixo lembrar- foi quen asumiu a creación destes centros nun contrato de colaboración asinado coa Consellería de Igualdade en febreiro de 2023”.

“É a través da sanidade pública galega como debe garantirse este recurso de atención integral para as vítimas de violencia machista”, afirmou, lembrando que estes centros estarán situados nos hospitais públicos de cinco cidades galegas, en concreto, no Hospital Nóvoa Santos de Ferrol, no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no HULA de Lugo, no Centro de especialidades en Ourense e no Hospital Gil Casares en Compostela. Trátase de centros financiados con fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia machista e que se conciben como servizos de atención integral para as vítimas de violencia sexual.

“O Partido Popular prefire privatizar servizos esencias e tan sensibles coma estes, encargados da atención integral de persoas vítimas de violencia sexual, antes de confiar no persoal público para xestionalos, toda a vez que están nos hospitais públicos que xa abren as 24h do día, os sete días da semana e durante todo o ano”, expuxo.

Precarización nas condicións laborais

Ademais de privatizar estes espazos de atención á violencia machista , a viceportavoz primeira do BNG acusou ao PP de “pretender precarizar as condicións laborais das persoas traballadoras e a atención das persoas usuarias” porque, e de acordo co prego de licitación, que remata o 22 de xullo, cada centro estará atendido as 24 h do día os sete días da semana e durante todo o ano con sete persoas: dúas traballadoras sociais, tres psicólogas, un/unha xurista e un/unha administrativo/a. “Un despropósito”, considerou.

En canto aos contratos, de acordo coas condicións do prego,  serían só sete por centro e algúns -os do persoal auxiliar administrativo-, a media xornada,  o que para Rodil é unha mostra máis da “precarización da atención ás vítimas de violencia machista” que, ademais, “o PP pretende ofrecer en parte de maneira telemática, non sabemos se a través dunha pantalla ou por teléfono”, criticou.

Rodil subliñou, por outra banda, que esta privatización chega despois de “incumprir durante todos estes anos a Lei galega de violencia machista”, que esixe a atención psicolóxica das mulleres vítimas nos centros de atención primaria. Segundo denunciou, desde hai anos a xunta do PP garante só dez sesións a través dun convenio co Colexio de Psicoloxía de Galiza, “algo que até o propio colexio ten denunciado como insuficiente e contrario á lei”.

“O Partido Popular está cruzando todas as liñas en materia de igualdade esta lexislatura, primeiro suprimindo a Secretaría Xeral de igualdade, fulminando o carácter transversal deste departamento e das políticas que del dependen, e agora “abríndolle a porta” a estas empresas multiservizos. “Pedímoslle ao PP que teña algún límite, moral sequera, ao seu afán privatizador e que polo menos os dereitos fundamentais das persoas se garantan a través dos servizos públicos”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG