BNG denuncia no Parlamento a distribución “partidaria” do PP de fondos públicos aos concellos a través de convenios

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará apelou á “xustiza e coherencia” para rematar coa discriminación dos concellos non gobernados polo Partido popular e rematar cos convenios  “a dedo”

O deputado do BNG, Luís Bará afirmou que o “98% dos convenios asinados pola Xunta cos concellos pertencen a entidades gobernadas polo Partido Popular”.

A través dunha Proposición non de Lei, Bará apelou “á xustiza e coherencia” para rematar coa “discriminación dos concellos non gobernados polo Partido popular” e puxo como exemplo os auditorios de Marín ou Ribeira mentres que outros concellos son discriminados como o de Bueu coa escusa de que “agora non toca” porque neste concello non goberna o PP. Para o nacionalista, o proceder do Partido popular  incide na discriminación da veciñanza de Bueu cos mesmos dereitos que a de Marín.

Por outra parte, aludiu a “listaxe do Plan Urbe” publicada no DOG con “320 obras con 150 millóns de euros, dos que 140M€ foron destinados a concellos do Partido popular en 12 anos”. Se sumamos todas as transferencias, a cifra aproximase aos 1.500 millóns de euros. Cantas discriminación perpetrou o Partido popular sobre as persoas en función do concello no que viven, preguntou.

Sobre as deputacións afirmou que a de Pontevedra no ano 2015 gobernada polo Partido popular contaba con 30M€ e na actualidade alcanza os 42 repartidos “con criterios obxectivos” en función de poboación ou territorio e  “para todos igual” remarcou.

O reparto dos fondos públicos, é “escandaloso e discrecional” e ademais, “ unha malversación de fondos públicos”  e a xuízo do nacionalista,  unha “concepción patrimonial do poder público” porque os cartos, recalcou,  “non son do Partido popular, son de todos os cidadáns” e deben ser distribuídos con “criterios obxectivos e transparentes”.

A iniciativa do BNG destinada a garantir a igualdade de trato a todos os concellos e suprimir as practicas clientelares e partidistas na distribución de fondos públicos a entidades locais mediante convenios e esixir “o procedemento de concorrencia competitiva nas convocatorias públicas de subvencións”, foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG