Fronte ao acto Feixóo-Casado no supostamente se abordará a xestión dos fondos europeos, o BNG denuncia a falta de transparencia e de información do Goberno do PP sobre os publicitados 108 proxectos que supostamente ten elaborado o Executivo da Xunta para concorrer ao financiamento do Next Generation.
“Un mes despois de ter solicitado a documentación o que recibimos é un powerpoint de 13 folios, portada incluída, con catro xeneralidades no que se sumas as cantidades que menciona faltan 1.614 millóns de euros sobre os 9.400 anunciados. En fin, que nin se molestan en que as cifras cadren. Non sei se Feixóo dará máis información no encontro con Pablo Casado da que se traslada ao Parlamento galego”, interpelou a portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas.
Nu momento no que cada euro conta para sacar o país a flote, “é inaceptable o abandono de funcións de Feixóo, máis preocupado en actos botafumeiro co seu xefe que en situar a Galiza nunha boa posición”. Contra esa “opacidade e improvisación, que mesmo pode estragar a oportunidade que supón ter fondos europeos extraordinarios”, o Bloque volve levar o asunto a pleno cunha iniciativa na que demanda transparencia, xestión directa dos fondos e unha estratexia de país.
“A ocultación do PP é profundamente antidemocrática”, recriminou Presas, “insisto, o que temos é un folleto no que, por poñer un exemplo, se pretende vender como proxecto europeo facer máis albergues no Camiño de Santiago. Ese é o nivel de seriedade e de rigor nun asunto fundamental para a reactivación económica e social”.
O Bloque tamén considera fundamental que Galiza xestione directamente a parte que lle corresponda dos fondos europeos para a recuperación, -que o BNG estima nun mínimo de 12.600 M€-. “Se se impón o centralismo, Galiza perderá como xa sucedeu noutras ocasións, así que non repitamos os erros do pasado e apostemos por rachar coa centralización e sumar forzas a favor da territorialización dos fondos”, explicou.
Finalmente, urxe definir unha posición de país que para o BNG debe asentarse en cinco eixos estratéxicos: os sectores produtivos tradicionais, agricultura e pesca, pero reorientados á transformación e creación de valor engadido; apostar por un sector industrial forte, que inclúa unha transición enerxética xusta; sentar as bases dunha economía verde, desde a ciencia e a investigación, cunha aposta pola I+D+i e o coñecemento.
Igualmente, modernizar o tecido produtivo galego formados polas pequenas e medianas empresas que sustentan a maior parte do emprego e asegurar unha Galiza con benestar social, blindando os servizos públicos como a educación, a sanidade ou os coidados que garantan unha vellez digna.
“Sobre estes cinco grandes eixos saiamos a por todas, acordemos os proxectos públicos e público-privados a financiar, defendámolos ante o Estado e ante Bruxelas. Non deixemos, unha vez máis, que o centralismo decida por nós, ou Galiza perderá e nun momento clave das negociacións hai que dar esta batalla como país”, concluíu.