O BNG denuncia os obstáculos do Concello de Santiago á manifestación de Queremos Galego

O concelleiro do BNG Rafael Vilar rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde, Ángel Currás, destinada a coñecer os criterios utilizados para fixar as contías das fianzas na organización de eventos públicos e culturais a entidades sen ánimo de lucro. “A fianza imposta á Plataforma Queremos Galego para instalar o palco da manifestación do domingo 27 de xaneiro é froito da arbitrariedade e enmárcase nunha política antidemocrática e contra a lingua galega que promove o PP”, afirmou Rafael Vilar.

Impoñer unha fianza a unha plataforma cidadá en defensa da lingua galega por causas derivadas da súa organización, como é a instalación dun palco, vai contra as liberdades fundamentais do dereito á manifestación, explicou o edil nacionalista.

O concelleiro do BNG lembra tamén que xa advertira no Pleno en que se aprobou a ordenanza de ocupación de vía pública que, ao deixar aberta a posibilidade de pedir fianza para actividades sen ánimo de lucro, podería dar lugar a estas situacións. “O Goberno do PP de Santiago trata de poñer impedimentos á celebración de eventos de promoción da lingua galega e iso vai contra a propia normativa que se aplica aos cargos públicos”, indicou.

Rafael Vilar demandou, así mesmo, que o alcalde rectifique e retire a fianza imposta a Queremos Galego, así como a outros eventos de semellantes características que se vaian organizar no futuro na nosa cidade. “Santiago de Compostela, como capital de Galiza, debe ser lugar de encontro e epicentro da reivindicación da nosa lingua e da nosa cultura, ao contrario do que fai o PP que pretende cohibir e buscar enfrontamentos coa cidadanía con estas accións antidemocráticas”, engadiu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG