BNG denuncia a negativa de Correos de mellorar o servizo na Coruña e garantir o dereito á cidadanía

Néstor Rego
Néstor Rego

En resposta, a iniciativas do BNG, o Goberno rexeita corrixir as deficiencias e carencias nas oficinas postais da Agra do Orzán e Novo Mesoiro

Néstor Rego critica a posición de Correos e alerta, máis unha vez, do desmantelamento dos servizos postais que se está a producir

Após recibir resposta por parte do Goberno a iniciativas rexistradas polo deputado nacionalista, Néstor Rego, o BNG denuncia o desmantelamento dos servizos postais e a negativa por parte de Correos de mellorar os servizos para garantir o dereito da cidadanía, dotando de suficientes medios materiais e humanos as oficinas. O deputado do BNG reclama ao Goberno rectificar esta postura, sobre todo nas oficinas da Agra do Orzán e Novo Mesoiro, para ofrecer un servizo de calidade á cidadanía.

Néstor Rego demanda a Correos corrixir a súa folla de ruta iniciada en 2017 de recortar o persoal das oficinas da sociedade estatal e incrementar a dotación de persoal nesta Oficina de Correos de xeito que se poida ofrecer un servizo postal de calidade na liña do que se estabelece legalmente. “É urxente dar un xiro á política que se está a desenvolver no servizo público postal e abordar este problema no conxunto das oficinas de Correos, a comezar polas de maior volume de traballo como a da Agra de Orzán, e ofrecer ás persoas usuarias un servizo de calidade” reivindica o deputado do BNG.

As respostas do Goberno, denuncia Rego, corroboran as pretensións da dirección de Correos de desmantelar os servizos ofrecidos. “Sobran os exemplos: só hai que ollar para a oficina da Agra do Orzán onde, no canto de haber 22 persoas para o reparto, só hai 12 traballadoras; ou a propia oficina en Novo Mesoiro onde se negan a ampliar o horario da oficina –tanto pola mañá como pola tarde- recuperando tamén o horario de atención dos sábados” enumera.

Para a organización nacionalista, urxe reverter esta situación e que o Goberno do Estado –responsábel da entidade de Correos- e corrixir as deficiencias no servizo que ofrece. No concreto, para a Agra do Orzán, o BNG defende corrixir as deficiencias e carencias de persoal e medio, asegurando a cobertura da totalidade das prazas vacantes na oficina. Por outra parte, no Novo Mesoiro, ademais de aumentar o número de traballadores, demanda restar servizo tanto pola mañá como pola tarde e recuperar o horario de atención dos sábados.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG