O BNG denuncia a falta de medios de AENA en Lavacolla para acondicionar os avións en caso de temporal

Aeroporto de Lavacolla
Aeroporto de Lavacolla

Ana Pontón obrigada a suspender a súa axenda en Bruxelas por retrasos nos voos en Lavacolla

O BNG denuncia a falta de medios de AENA no aeroporto de Santiago de Compostela para poder acondicionar ás aeronaves en caso de que un temporal con baixas temperaturas cubra de xeo ou neve o avión, e sexa preciso proceder ao acondicionamento do aparato para poder realizar o voo.

Segundo informa a propia compañía que facilita este servizo no Aeroporto de Madrid-Barajas, este proceso tarda de media entre tres a cinco minutos, aínda que pode superar a hora.

Por contra, o aeroporto de Santiago viu como varios dos seus voos de primeira hora desta maña sufrían retrasos de ata tres horas pola lentitude do sistema empregado para a desconxelación dos avións, afectando a centos de usuarios e usuarias que tiveron que soportar longas esperas e mesmo perderon o enlace de outros voos co prexuízo que iso supón. A portavoz nacional, Ana Pontón, tivo que suspender a súa axenda de traballo prevista en Bruxelas con motivo da toma de posesión do escano no Parlamento europeo da eurodeputada Ana Miranda.

O BNG critica que o aeroporto de Santiago careza dun servizo eficiente e rápido para que ante un mera baixada de temperaturas non se poda proceder ao acondicionamento dos avións sen que iso supoña horas de espera e mesmo perda de voos para centos de usuarios e usuarias, e pide á Xunta que faga as xestións necesarias para solucionar esta deficiencia dotando a Lavacolla dun servizo máis eficaz  co que contan outros aeroportos de AENA.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG