O BNG denuncia a falta de implicación da Xunta na defensa d@s usuari@s ante os abusos da banca

Noa Presas
Noa Presas

O BNG critica a falta de implicación do Goberno do PP na defensa dos  e das consumidoras ante os abusos bancarios e de inacción para facer efectivo cando menos o código de boas prácticas aprobado para as entidades financeiras, despois de ter constatado a ineficacia dos controis existentes, incapaces de detectar e frear estafas masivas con produtos tóxicos como as preferentes ou os abusos hipotecarios.

A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, cualificou de “desolador” o balance da década de Goberno de Feixóo nesta materia, na que ademais quedou desmantelado o sistema financeiro galego coas negativas consecuencias en termos de emprego,  de acceso ao crédito e de acceso ás prestacións bancarias para unha parte moi importante da poboación.

“Ao fracaso da falta de regulación e control, PP e PSOE receitaron máis desregulación e menos control dos poderes públicos, e ao señor Feixóo pareceulle estupendo sendo como foi, ademais, o responsable da bancarización e privatización das caixas de aforro. Aínda hoxe hai moitas cousas que ignoramos porque o PP ten conxelada a comisión de investigación”, alegou Presas na súa interpelación ao conselleiro de Economía, Francisco Conde.

En termos de saúde financeira, o actual Executivo demostrou “a súa inutilidade” para defender os intereses do país e dos e das consumidoras galegas,  con consecuencias tamén no acceso aos servizos bancarios, “cada vez máis difícil e de peor calidade porque fracasou o marco legal de protección ao que se suma a inacción da Xunta e o peche de oficinas”.

Tras o fracaso na protección das persoas usuarias de produtos e servizos bancarios, a mobilización social obrigou a adoptar medidas, aínda que insuficientes, como por exemplo o código de boas prácticas bancarias. “Xa advertimos de que a voluntariedade implica laxitude e, segundo o último informe do Banco de España, medran as reclamación ao tempo que diminúen, por exemplo, as dacións en pago ou os casos de reestruturación de débeda”, explicou Presas.

O impacto dos activos tóxicos continúa e demostra que a transposición da lexislación europea non se fixo da forma correcta,  e vemos como medran as entidades que volven colocar produtos de risco nun entorno de concentración que facilita as estafas, indicou a portavoz de Economía.

Neste contexto, o Bloque condena a falta de acción política do Goberno de Feixóo para protexer as persoas consumidoras, pois non está adoptando medidas nin facilitando recursos para evitar a desprotección dos e das usuarias ante novos abusos e estafas bancarias. Cando menos, reclamou a parlamentaria, que a Xunta aproveite o Instituto Galego de Consumo e a Lei de Consumo para protexer aos galegos e galegas.

Outra cuestión denunciada polo BNG é a exclusión crecente do acceso a servizos financeiros dunha parte da poboación, en particular no medio rural, onde houbo un peche en cascada de oficinas, unido á fenda dixital entre a Galiza urbana e a do interior. Igualmente, o envellecemento da poboación actúa tamén como un factor de exclusión financeira pola dificultade de manexarse nas novas tecnoloxías.

“A solución non é que paguemos do noso peto a instalación de caixeiros en concellos que quedaron sen oficinas para que a banca faga negocio por duplicado”, recalcou Presas, “negocien coas entidades bancarias coas que se fan tantas fotos, para que esa instalación corra da súa conta”, indicou, tras lembrar que o rescate bancario en España custou 60.000 millóns de euros.

“Precisamos un cambio de rumbo con medidas urxentes e tamén estruturais porque con este modelo financeiro Galiza perde e con este Goberno ausente, tamén”, concluíu Presas.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG