BNG denuncia a eliminación inxustificada dunha praza de profesorado de portugués na Escola Oficial de Idiomas de Lugo

Iria Taibo
Iria Taibo

Iria Taibo advirte que contradí os obxectivos da Lei Paz-Andrade e non responde á demanda real desta lingua nos últimos anos nesta EOI

A responsable de Relacións Exteriores e Lusofonía do BNG, Iria Taibo, denunciou na comisión de Cultura, a eliminación inxustificada de unha praza de profesorado de portugués na Escola Oficial de Idiomas de Lugo, malia a que a decisión da consellería de Educación vai en contra dun dos principais obxectivos da Lei Paz-Andrade, o fomento da aprendizaxe da lingua portuguesa en Galiza, advertiu.

O PP votou en contra da proposta do BNG, que demandaba a recuperación da praza para o curso 2025-2026, ademais da posta en marcha nas Escolas Oficiais de Idiomas dunha campaña sobre as vantaxes da aprendizaxe do portugués, de acordo cos obxectivos da Lei Paz-Andrade, que que foi aprobada hai agora 10 anos por unanimidade no Parlamento Galego, derivada dunha Iniciativa Lexislativa Popular que contou co apoio de máis de 17.000 sinaturas.

Asegurou que malia que o Goberno do PP está a insistir en moitos foros na importancia da estratexia definida na Lei Paz-Andrade para o futuro do idioma e da nosa sociedade, “non serve con nomear os obxectivos da lei, é preciso actuar en consecuencia”, afirmou.

Taibo insistiu en que os propios obxectivos da Lei Paz Andrade deberían obrigar a Consellería de Educación a “facilitar, ampliar e aumentar as prazas de alumnado e de profesorado de portugués”. “Non entendemos a redución de prazas nin a limitación da ensinanza do portugués nas EOI”, expresou.

Replicoulle ao PP, que dixo estar orgulloso de que en Galiza hai 5.500 persoas estudando a lingua portuguesa, que en Estremadura, sen ter ese vínculo con Portugal que si ten Galiza,  hai 25.000 persoas estudando o idioma luso.

 “Gustaríanos que non se retroceda nos avances que xa se fixeron porque existe unha demanda da mocidade para estudar portugués”, asegurou. “O Goberno terá que facer algún esforzo para traballar esa demanda”, manifestou, para advertir que “se se reducen profesores, será moi difícil que a oferta poida medrar”.

Por outro lado, a deputada nacionalista, argumentou na súa exposición que os datos de matrícula da EOI de Lugo non xustifican a eliminación da praza porque xa no curso pasado as cifras estaban consolidadas, con entre 80 e 100 alumnos e alumnas inscritas en lingua portuguesa nos últimos cinco anos.

Explicou ademais que o ano pasado en alemán había 57 alumnos e 3 profesores, mentres en portugués, con 82 estudantes, eliminouse un. Este ano, alemán ten 73 alumnos e 3 profesores e portugués subiu a 96 matriculados, contando con dous profesores.

“Son propostas moi racionais que tampouco piden a lúa -defendeu- simplemente estamos pedindo que se recupere unha praza de profesorado e que se inclúan no concurso de traslado”, aclarou. “considerabamos que era unha oportunidade moi boa para que o Goberno galego dese un paso directo, honesto e sincero no cumprimento da Lei Paz Andrade, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG