Congreso

O BNG denuncia a demora na investigación dos vertidos na ría do Burgo

Encontro Ría do Burgo (arquivo)
Encontro Ría do Burgo (arquivo)

Néstor Rego considera inaceptábel que transcorridos máis de quince días desde a interposición da denuncia, a Garda Civil non se puxese en contacto nin coa Delegación de Costas, nin co Concello de Cambre para solicitar información ao respecto, nin tampouco cos propios denunciantes para informalos ou solicitar máis datos sobre os feitos.

O BNG pide que se determine quen son as persoas responsábeis do vertido de áridos na Ría do Burgo e que se proceda coas dilixencias necesarias para impor a sanción administrativa ou penal correspondente.

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar no Congreso a falta de actuación por parte Garda Civil na denuncia presentada o pasado 11 de xullo pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza referente ao vertido de áridos de obra na ría do Burgo, concretamente no punto situado entre a ponte medieval e a que serve de asento á estrada AC211, ao pe do coñecido como Paraugas do Temple, na parroquia homónima do concello de Cambre.

Os nacionalistas consideran inaceptábel que transcorridos máis de quince días desde a interposición da denuncia, os axentes non se puxesen en contacto nin coa delegación de Costas nin co Concello de Cambre para solicitar información ao respecto, nin tampouco cos propios denunciantes para informalos ou solicitar máis datos sobre o caso “Queremos saber en que consistiron as investigacións realizadas pola Garda Civil, tanto oficial como extraoficialmente, durante o tempo transcorrido desde a presentación da denuncia en relación cos feitos relatados” salientou o deputado Néstor Rego.

O BNG denuncia que este vertido puido non ser o único. “Puidemos decatarnos pola prensa de que este non foi un caso illado, senón que en xullo do pasado ano se realizou outro vertido semellante e que non foi o primeiro” explicou Rego.

O pasado luns 27 de xullo, Daniel Carballada, concelleiro do BNG en Cambre, púxose en contacto coa Delegación de Costas na Coruña, que lle indicou que non lle constaba ningunha denuncia por vertidos destas características no ano en curso. Tres días máis tarde, no transcurso da sesión plenaria da corporación cambresa, o tenente de alcalde, Juan González Leirós, manifestou que tiveron coñecemento dos feitos relatados 48 horas antes a través dunha chamada da Delegación de Costas, que ademais fixo chegar ao concello a denuncia formulada por ADEGA. Un comportamento que o BNG considera “sospeitoso”, que a Delegación negue nun momento a existencia da denuncia dos feitos relatados e que, no entanto, si o recoñeza días despois, facilitando incluso copias da mesma.

O BNG pide que se determine quen son as persoas responsábeis do vertido de áridos na Ría do Burgo e que se proceda coas dilixencias necesarias para impoñer a sanción administrativa ou penal correspondente.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG