BNG denuncia o cuarto retraso de ADIF no prazo de licitación das obras da intermodal de Ourense

Estación Ourense
Estación Ourense (arquivo)

Néstor Rego reclama ao MITMA maior compromiso para atender todas as deficiencias que presenta a infraestruturas e prestar un servizo de calidade ás persoas usuarias

Luis Seara, candidato do BNG á alcaldía, exixe un proxecto de estación verdadeiramente intermodal “á altura do que merece Ourense”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia o incumprimento dos prazos de licitación das obras pendentes de execución na estación intermodal de Ourense e vén de rexistrar, con carácter urxente, iniciativas na cámara baixa para que ADIF axilice os trámites e se resolva no primeiro trimestre de 2023. A frente nacionalista reclama atender a todas as carencias que presenta a día de hoxe a estación intermodal, recollidas no estudo informativo asinado entre as diferentes administracións.

Por cuarta vez, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana mostra a falta de compromiso coa cidade de Ourense e incumpre os prazos prometidos para licitar as obras da estación intermodal. De facto, na visita realizada pola Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ao túnel de Rante, en San Cibrao, a pasada semana, Pardo de Vera recoñeceu de facto o incumprimento ao marcar un novo prazo cando sinalou que esperaba que a licitación das obras non pasase máis alá do primeiro trimestre de 2023.

“O MITMA leva máis de tres anos prometendo a licitación das obras na estación intermodal. Comezaron anunciando a licitación para 1 de xullo de 2019 de todas as obras mais agora ADIF xa adía a licitación para o primeiro trimestre de 2023 e, ademais, só de parte das obras, sen marcar data para a nova adaptación da rúa e parte da lousa sobre as vías” explica o deputado do BNG no Congreso. Para a organización nacionalista, estas obras son especialmente urxentes xa que, despois da posta en marcha dos servizos de alta velocidade, comprobouse que a infraestrutura non era a adecuada para os millares de persoas usuarias.

Neste sentido, a frente nacionalista rexistra iniciativas na cámara baixa para demandar a licitacións destas obras na Intermodal e as previsións reais do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “Débese mellorar a infraestrutura e os servizos que se prestan nela. E débese realizar unha actuación global, que contemple solucionar todas as eivas existentes” destaca o deputado do BNG no Congreso.

O candidato á alcaldía, Luís Seara, lembra que -alén da licitación destas obras- o BNG defende a entrada do AVE a través das vías máis próximas á rúa Río Arnoia “para resolver a fenda histórica entre os barrios do Vinteún e A Ponte, unha solución técnica que mesmo sería menos custosa”. Alén do máis, Seara exixe desprazar as mercadorías até o polígono industrial de San Cibrao para liberar os máis de 100 mil metros cadrados de praia de vías para solo dotacional.

“A estación debe ser unha verdadeira estación intermodal. Unha combinación do pasado co futuro. Unha estación moderna e funcional á altura do que merece Ourense” salienta o candidato do BNG á alcaldía en Ourense, Luis Seara.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG