parlamento galego

BNG denuncia a constante drenaxe de cartos á privada mentres se deteriora a calidade do servizo que presta o Sergas

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado: “A sanidade pública galega ten pasado de ser un dereito e un servizo do que sentirnos orgullos a ser un suculento negocio para algúns”

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, defendeu no Pleno unha moción para reclamar ao Goberno do PP que renda contas aos galegos e as galegas da “derivación permanente” de recursos públicos cara a sanidade privada, así como das irregularidades que de maneira reiterada se denuncian nos informes do Consello de Contas sobre as contas do Sergas.

“A sanidade galega ten pasado de ser un dereito e un servizo do que sentírmonos orgullosas a ser un suculento negocio para algúns, para as empresas amigas do PP”, denunciou Montse Prado, subliñando a “alarma” xerada tanto polas conclusións do ente público fiscalizador sobre a o “escurantismo” e “falta de transparencia”  nas contas do Sergas como polas “deficiencias” na atención sanitaria que, advertiu, irán a máis no verán.

Logo de lembrar que os recursos destinados a sanidade supoñen máis dun 40 % do orzamento da Xunta, a deputada nacionalista enumerou algunha das cuestións que “ano tras ano” denuncia o Consello de Contas, como o abuso dos contratos menores, a “utilización espuria” da autorización temporal de uso, a xestión de servizos sen ningunha fórmula, o fraccionamento dos contratos ou “obrigas con provedores para as que non consta marco contractual algún . “O 15 % do orzamento que se dedica a concertos utiliza o procedemento de contrato”, advertiu.

Un “suma e sigue”, sintetizou Prado, afeando ao Goberno do PP os millóns de euros que se usan con “total discrecionalidade, a dedo, sen a concorrencia, publicidade e transparencia” pola que se debe rexer a contratación pública. “En tanto a sanidade pública galega está en situación de emerxencia, é constante a drenaxe de cartos públicos á sanidade privada por todas as vías”, criticou.

Ante a negativa do PP ás demandas do BNG, a deputada nacionalista advertiu que “os galegos e as galegas están fartos de ver como a situación de deterioro da sanidade pública non fai máis que aumentar e fartos de que se lle diga que todo está ben, das listas de espera que non paran de crecer ou de ter que agardar até un mes para ser atendido en Atención Primaria”.

As ocorrencias do conselleiro: máis horas e máis anos traballando

E mentres os profesionais da sanidade conseguen sacar adiante “a duras penas”  e grazas o seus esforzo o inxente traballo que teñen, engadiu Prado, o conselleiro evita as explicacións e limítase a deixar “auténticas perlas que son para poñerse vermello” -como dicir que as listas de espera son consecuencia de que o sistema funciona ben- e a anunciar medidas que son “ocorrencias”. Unhas medidas, agregou, que na práctica supoñen “traballar máis anos, máis horas, que os médicos aproveiten as vacacións para seguir pasando consulta ou restarlle ao salario unha parte por aumento de listas de espera”.

Prado referiuse ademais á falta de médicos e, neste punto, acusou ao PP de “agachar a cabeza debaixo da ala”, logo de que o BNG e os profesionais da sanidade leven anos advertindo de cal ía ser a situación sen que a Consellería tomase as medidas para evitala. “En vez dun goberno temos comentaristas da realidade”, censurou.

Ademais de reclamar tomar todas as medidas para que a rede pública do Sergas teña os recursos necesarios para atender á demanda existente, a empezar por ter operativos en horario de mañá e tarde todos os recursos dos que dispón, a iniciativa do BNG instaba tamén ao Goberno do PP a presentar un informe coas derivacións realizadas a centros alleos á rede hospitalaria pública nos últimos cinco anos, desagregadas por centro e por especialidades, tanto cirúrxicas como de probas diagnósticas.

Os populares votaron en contra tamén de presentar un informe sobre as contratacións feitas con entidades privadas nos últimos cinco anos, tal e como requiriu Montse Prado na defensa dunha moción na que se instaba así mesmo ao Goberno da Xunta a realizar unha auditoría externa, para detallar nun informe  ao Parlamento a totalidade dos contratos menores e negociados sen publicidade asinados polo Sergas tamén nos últimos 5 anos.

Realizar as modificacións precisas na web da Plataforma de contratos da Xunta para facilitar a transparencia e atender ás recomendacións do Consello de Contas completaban a moción do BNG.    

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG