O BNG denuncia a grave afectación que o macro proxecto da Mina de Touro tería sobre o abastecemento de auga nos concellos de Touro e O Pino que implicaría que o 10% da poboación quedaría sen este recurso básico.
A formación nacionalista trasladará esta cuestión ao Parlamento con interpelacións tanto á consellería de Industria como a Augas de Galiza a través do deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, quen alertou sobre esta cuestión en rolda de prensa xunto cos concelleiros do BNG en Touro Xoan Louzao e Sandra Breis.
Rivas foi moi crítico coa posición da Xunta en particular co hermetismo e a falta de información. “Quero denunciar que en relación ao proxecto da mina de Touro só hai silencios, silencios interesados como cando desde o propio concello se pide información que non se facilita”, salientou.
Segundo a documentación da propia empresa Cobre San Rafael, no concello de Touro vanse perder 150 metros cúbicos de auga por día, o que equivale a auga que abastece a 400 persoas, o 10% tanto no caso de Touro como no concello do Pino, onde desaparecería un depósito de abastecemento de auga, e todo porque unha empresa foránea quere facer negocio, denuncia o BNG.
As captacións de auga que quedarían eliminadas serían tanto de titularidade privada de particulares como da rede pública dos concellos de Touro e O Pino, dando lugar a unha perda de abastecemento que debería ser compensada polos propios municipios.
O BNG lembra que en 2017 o concello de Touro emitiu un bando instando a aforrar auga porque era insuficiente. “O problema agravarase se este proxecto da explotación mineira sae adiante porque ademais de cegar unha parte do abastecemento vai precisar inxentes cantidades de auga e terá que ser o concello quen compense estas perdas garantindo o subministro a través da rede pública municipal”, explicou Louzao.
A conclusión é evidente, alerta o Bloque, haberá un problema de abastecemento de auga nos concellos de Touro e do Pino. Por iso, a veciñanza máis directamente afectada participou nunha recollida de sinaturas que foron trasladadas a Augas de Galiza solicitando a preservación das súas captacións de auga de toda a vida, tanto as particulares como as municipais.
O Bloque tamén denuncia as mentiras que a empresa Cobre San Rafael plasma mesmo por escrito en documentos afirmando que existe un acordo co concello de Touro para contribuír economicamente á ampliación da rede de augas, algo que o Goberno local desminte.
A formación nacionalista considera que, dunha vez por todas, hai que dar un salto adiante e dar carpetazo definitivo a un proxecto mineiro que tería graves repercusións no só para os concellos de Touro e O Pino e que socialmente ten un rexeitamento maioritario.