xerais 2023

BNG demandará a transferencia plena a Galiza para a xestión e o saneamento dos ríos

Noa Presas e Manolo Conde
Noa Presas e Manolo Conde

“Nas eleccións do 23X tamén decidimos se xestionamos nós o noso ou deciden por nós a 500 quilómetros” afirma Noa Presas

Cualifica como “anomalía” que a xestión dos ríos ourensáns, chave para as políticas de prevención e atención da seca, se decida en Madrid e non no País xerando diversos obstáculos para a limpeza dos ríos e problemas de saneamento

A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, visita o Concello de Vilar de Barrio após a reelección do alcalde nacionalista, Manolo Conde, e o seu equipo de goberno municipal. Durante a visita, a cabeza de lista aproveitou para defender a transferencia a Galiza das competencias en materia hidrográfica co obxectivo de poder levar a cabo o proxecto para o saneamento integral e a mellora das augas, unha das cuestións que, en opinión de Presas, deberían ser prioritarias para o executivo. Neste sentido, Presas sinala a anomalía que supón que a xestión dos ríos ourensáns se decida a 500 quilómetros de distancia, traducíndose en obstáculos para a limpeza e uso dos concellos ourensáns, sendo unha cuestión estratéxica para a prevención e atención da seca.

Durante a visita ao Concello de Vilar de Barrio, a candidata do BNG ao Congreso nas vindeiras eleccións xerais do 23X puxo en valor o traballo realizado polo equipo de goberno do BNG liderado por Manolo Conde durante estes últimos catro anos. “Vilar de Barrio é o exemplo claro de que as cousas en Ourense están cambiando e a cidadanía quere cambios en positivo. Hai catro anos o BNG conseguía a alcaldía deste concello, gobernado desde sempre polo PP e nestas últimas eleccións as veciñas volveron confiar no proxecto que defendemos no BNG” destaca Noa Presas.

Neste sentido, a candidata nacionalista entende a campaña do 23X como “unha oportunidade histórica para que Ourense poida ter unha voz forte no Congreso, da man do BNG, e rachar definitivamente co bipartidismo clásico”. Nestas eleccións, explica Presas, tamén “decidimos se xestionamos nós o noso ou deciden por nós a 500 quilómetros” en relación á obediencia dos deputados ourensáns de PP e PSOE ás direccións estatais.

“Exemplo disto é o que sucede coa xestión dos ríos ourensáns –coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a do Douro, co paso do Támega por Ourense- que continúa sen atender as demandas da cidadanía de Ourense e pon constantes obstáculos” denuncia a cabeza de lista ante os problemas que o ente estatal estabelece para as limpas nas beiras dos ríos e os graves prexuízos que supón para a veciñanza e a propia xestión que realizan os concellos ourensáns.

“Defenderemos, co grupo galego forte en Madrid, a transferencia a Galiza das competencias plenas en materia hidrográfica ante o desleixo e a pasividade da Administración central. Temos que xestionar nós o noso e iso pasa por unha xestión galega dos ríos para levar a cabo o proxecto para a mellora e o saneamento dos mesmos” defende Noa Presas. Unha cuestión estratéxica tamén para a prevención e atención da seca que preocupa a todo o sector agrogandeiro, sobre todo do Macizo Central.

Segundo lembra, non é a primeira vez que a organización nacionalista demanda un plan integral para o saneamento dos ríos de Ourense ante a necesidade urxente de mellorar a calidade das augas fluviais. Pola contra, os sucesivos gobernos do Estado –de PSOE ou PP- negáronse a facelo.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG