O BNG vén de rexistrar iniciativas para demandar ao Ministerio de Transportes actuacións urxentes para rehabilitar e reformar o firme da autovía A-55 entre Vigo e Tui. O mal estado da calzada e o elevado número de coches que circulan a diario pola vía supón un risco para a seguranza viaria. Carme da Silva e Néstor Rego sinalan a necesidade de eliminar a presenza das grandes fochancas e o mal estado do firme en xeral.
Nos últimos seis anos, na A-55 producíronse 1.500 accidentes e case un milleiro de persoas feridas. De facto, en 2023, esta autovía rexistrou os peores datos de sinistralidade, practicamente tendo un accidente por día e mesmo se produciron tres mortes en accidentes entre Vigo e Porriño, considerado o traxecto máis perigoso.
“A pesar dos datos que se manexan e de que a propia DXT advirte da existencia de numerosas fochancas no firme, o Ministerio de Transportes continúa sen adoptar ningunha medida que teña como fin o seu arranxo e, polo tanto, a mellora da seguranza viaria” lamenta o BNG. A estrada que conecta a Galiza con Portugal, igual que moitas das estradas de titularidade estatal, carece dos investimentos necesarios para o seu mantemento, sinala.
Ante esta situación, o BNG vén de rexistrar iniciativas nas Cortes para coñecer as causas polas que o Goberno do Estado aínda non adoptou ningunha medida para mellorar o estado do firme na A-55, sobre todo no tramo entre Vigo e Porriño onde se contabilizan 60.000 vehículos diarios.
Paralelamente, a organización nacionalista urxe o Ministerio de Transportes a levar a cabo a rehabilitación e reforma do firme nesta autovía co obxectivo de mellorar a seguranza viaria na principal vía de comunicación entre a Galiza e Portugal e que rexistra un elevado volume de tráfico a diario, sobre todo entre Vigo e a súa área metropolitana.