O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a localidade do Porriño para anunciar o rexistro de novas iniciativas e dunha emenda aos OXE co obxectivo de que o Goberno do Estado acometa as obras para a supresión do paso a nivel e o soterramento das vías neste municipio. A formación nacionalista reclama un proxecto ambicioso que non hipoteque o futuro da localidade e que contribúa a mellorar a calidade de vida da veciñanza no Porriño.
O voceiro municipal do BNG e concelleiro de Urbanismo, Pedro Pereira, lembra que “existen avances para a supresión do paso a nivel mais esta ten que ser ambiciosa, que non hipoteque o futuro do Porriño”. Pereira apunta a necesidade de alongar o taboleiro que propón ADIF a día de hoxe “cunha distancia mínima no soterramento da estación cara o sur de en torno a 600-700 metros soterrados”. Isto implicaría a conexión do tramo urbano coa senda verde que realizou a área de goberno liderada polo BNG no concello do Porriño.
Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destaca o traballo da formación nacionalista “na procura de mellorar a calidade de vida do conxunto dos galegos e galegas e a proposta que traslada o BNG do mellora a calidade urbana e a calidade de vida de todos os porriñeses e porriñesas” explica deputado da formación nacionalista.
O obxectivo é suprimir a barreira que actualmente existe e gañar espazo público para o conxunto da veciñanza. “demandamos que haxa unha mellor integración no tramo urbano, obxectivo que é perfectamente posíbel se hai vontade política por parte do Goberno español” enfatiza Rego. Neste sentido, adianta que traballarán para que se leve a cabo o proxecto que parta da supresión da vía en superficie, do soterramento das vías nunha distancia de 700 metros da estación.
Así mesmo, o deputado lembra que xa nos anteriores Orzamentos Xerais do Estado a formación nacionalista presentara unha emenda para incorporar unha partida para este fin de 6 millóns 400 mil euros. Avanza que no proxecto de Orzamentos 2022, presentará unha emenda parcial para que as obras se poidan levar a cabo, tendo partidas específicas e mesmo rexistrarán preguntas para coñecer a disposición da Ministra e a posición de ADIF a respecto desta proposta. Así mesmo, rexistrarán unha Proposición Non de Lei para que todos grupos con representación galegas se posicionen con esta iniciativa.