A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou na súa visita á Pontevedra a implicación do Goberno da Xunta na recuperación e rehabilitación do Convento de Santa Clara, que acaba de ser incorporado ao patrimonio municipal, e xa avanzou que o BNG levará esa proposta ao Parlamento.
“É un proxecto estrela para a transformación da cidade e a Xunta non pode poñerse de perfil na posta en valor deste patrimonio, senón que debe implicarse con prazos e recursos concretos e así llo reclamaremos a Feixóo no Parlamento”, argumentou Pontón, “o que non podemos seguir vendo é como unha administración que ten a obriga de colaborar se pon á contra”.
Para a formación nacionalista, é un “reto de cidade” porque se trata de rehabilitar un “espazo emblemático, recalcou, “e por iso imos propoñer no Parlamento que a Xunta teña unha participación na rehabilitación de Santa Clara onde ten que implicarse economicamente para poñer este espazo emblemático á disposición da veciñanza e de todos e todas as que visiten á cidade”.
No é esta a única actuación na que o Goberno de Feixóo debe implicarse con Pontevedra fronte a inacción ante urxencias da cidade que a Xunta reduce á categoría de promesas longamente incumpridas, como a variante de Alba que segue paralizada; a construción dunha nova residencia, que non avanza pese a que os terreos xa foron cedidos; o saneamento da Ría e actuacións de calmado do tráfico nas vías de competencia autonómica.
Incumprimento que tamén se da por parte do Goberno do Estado, como a execución do nó de bombeiros, a circunvalación ou as actuacións no Paseo de Marín. “PP e PSOE insisten en tratar aos galegos e as galegas como cidadáns de segunda e a única maneira de cambiar ese guión das forzas estatais é que teñamos cada vez máis forza para poder presionar a favor de Galiza e contra ao centralismo madrileño que nós discrimina”, alegou.
Pontón reiterou o seu “orgullo” polo feito de que desde 1999 o BNG desenvolve na cidade do Lérez “políticas transformadoras que a converteron nun referente internacional, demostrando visión de futuro con propostas de vangarda que se adiantaron en décadas a temas que hoxe están na axenda, como a coidado do medio, a redución de emisións, a mobilidade sustentable ou a recuperación do espazo público”.
Destacou o “inmenso traballo” que hai detrás da transformación de Pontevedra, que demostra a capacidade do BNG para adiantarse e poñer en marcha proxectos que melloran a vida da xente. Neste sentido, preguntada pola posibilidade de que Miguel Anxo Fernández Lores repita como candidato, Pontón apelou as propias palabras do rexedor na comparecencia, indicando que o mellor é ir “partido a partido”, tendo en conta que se está no ecuador do mandato municipal.
En todo caso, a líder do Bloque indicou que ve a Lores “máis forte que nunca acompañado dun equipo de dez, capaces de seguir reinventando Pontevedra, con visión de futuro, capacidade de anticiparse e de mellorar a vida das persoas”, salientou, tras deixar claro que sexa cal sexa o resultado do recurso xudicial, o BNG non vai renunciar a que ENCE se traslade e permita recuperación integral da Ría, “porque así o queren a maioría dos e das pontevedresas”.
Factura da luz
En relación ao incremento da factura da luz, que marcará este mes un máximo histórico, Pontón denunciou que é a consecuencia de tomar decisións pensando no lobby eléctrico e non na maioría social.
“Hai que cuestionar que as eléctricas estean sentadas no Consello de Ministros e no Consello da Xunta cun modelo depredador, porque estamos a favor de aproveitar a riqueza éolica de Galiza pero con proxectos que respecten o medio rural e a xente que vive no medio rural; que sexan respectuosos co medio ambiente, e que se desenvolvan para favorecer o País, vinculando a instalación de novos parques a proxectos industriais que xeren emprego e no que a riqueza eléctrica de Galiza supoña a redución da factura da luz. O que non pode ser é o modelo de Feixóo, de apoio do lobby eléctrico e contra Galiza”, concluíu.