O BNG demandou esta mañá no Parlamento galego que a Xunta reactive a atención sanitaria nos consultorios de Paradela en Meis e de Vilaxoán en Vilagarcía, así como a atención pediátrica e o servizo de matrona en Meis. Ámbolos dous consultorios foron pechados polo Sergas por mor da crise sanitaria da COVID19, ao considerar que era difícil poñer en marcha as medidas de protección preventivas necesarias.
“Logo de oito meses dende o inicio da pandemia, houbo tempo suficiente para articular solucións e prever alternativas para recuperar a atención sanitaria nestes centros”, cuestionou a deputada Montserrat Prado na súa intervención ante a Comisión de Sanidade da Cámara.
A deputada nacionalista lembrou que máis de 1.100 persoas adscritas ao consultorio de Paradela pasaron a ser atendidas só telefonicamente ou, co obrigado desprazamento, presencialmente en Cambados, ao tempo que foron eliminados tamén os servizos de pediatría e matrona en Meis. De igual xeito, as e os 1.700 veciños que recibían atención sanitaria no consultorio de Vilaxoán vense na obriga dende o inicio da pandemia a ter que desprazarse ao centro de saúde de Vilagarcía de Arousa. En ámbolos dous casos co conseguinte prexuízo e gasto económico engadido.
Na defensa dunha proposición non de lei para a reactivación destes servizos sanitarios en ámbolos dous concellos, que non prosperou polo veto do PP, Prado advertiu que todo indica que “unha medida de urxencia, o Sergas quere convertela en definitiva”, toda vez que non ofrece alternativas nin acepta as que se ofrecen: no caso de Meis, obras para crear o dobre circuíto preventivo e no caso de Vilaxoán, o traslado do centro ao Fogar do Pescador, posto a disposición da Xunta polos propios veciños e veciñas.
A xuízo da deputada do BNG, “chove sobre mollado porque non é a primeira vez que se tenta pechar estes dous consultorios”, polo que afeou ao Goberno galego que basee a resposta á situación pandémica no incremento das restricións de acceso á asistencia ao sistema público sanitario. “Recortar servizos non é unha alternativa”, concluíu.