A deputada do BNG, Rosana Pérez formulou unha pregunta ao goberno sobre as previsións para a circunvalación ou outra variante en Ribeira destinada a resolver “os graves problemas de circulación”.
A localidade de Ribeira, cunha poboación de 27.000, explicou a nacionalista, leva anos agardando por unha circunvalación. Tanto que, no ano 2009, o propio Alberto Núñez Feixoo prometeu en campaña electoral, esa actuación, “hai case 13 anos”. Tras a contestación social, agora todo indica que a Consellaría de Infraestruturas puxo mans á obra aprobando un orzamento de 9 millóns de euros, anunciou que a deputada cualificou de “falso” e “segado” como constatan os propios orzamentos para o ano 2022 que reflicten unha partida “duns millóns de euros para a licitación da primeira fase” polo que preguntou que pasa cos restantes 8 millóns de euros?
A reclamación da variante “non é prioritaria para a Xunta” e mesmo pode ser, neste momento, afirmou a nacionalista, “unha patata quente” para o PP, o concello e a Consellaría.
O proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da 1ª fase de actuación saíu a información pública o 7 de febreiro do 202020, “hai 22 meses”. Un proxecto que arrastra unha importante polémica por ser un trazado que fende en dous o municipio de Ribeira. Introduce, entre o núcleo urbano e o parque periurbano de San Roque, “unha estrada que será moi transitada por tráfico pesado” ao que sumou o “enorme impacto paisaxístico e medioambiental” derivados dos brutais movementos de terra que afectarán a núcleos habitados.
A Xunta declara na prensa estes días que aceptan as alegacións do Concello pero porqué non responden as alegacións presentadas polos veciños e veciñas, preguntou a deputada do BNG.
Por outra parte, dixo, das cinco rotondas previstas, dúas estarán pegadas a centros educativos e á súa contorna, nas Abesadas, ao lado do Colexio “Galaxia” e a de Cubeliños, practicamente na porta da Escola Infantil Municipal, do Colexio Bayón e do CEIP de Frións e a Aula CEMIT.
Ademais, tampouco podemos desdeñar “a contaminación acústica e ambiental de zonas densamente poboadas” como, Miguel Rodríguez, Bautista, Mariño de Rivera, as Casas Baratas e As Abesadas.
Ante “esta desfeita”, Rosana Pérez lembrou que o Pleno do Concello de Ribeira aprobou, en outubro de 2020, a iniciativa proposta polo BNG para facer un estudo técnico comparativo e independente sobre os diferentes proxectos. Un acordo votado favorabelmente por todos os Grupos da Corporación, “agás o PP”, e que concordaba coas propostas da Plataforma de veciños afectados.
Para dar cumprimento a ese acordo plenario, o Concello consulta a 3 empresas e o 12 de xuño deste ano, a empresa seleccionada para facer o estudo comparativo, “pola súa conta e risco”, saltando o acordo plenario, decide facer só dous dos proxectos descartando de “maneira unilateral” a alternativa que xeraba máis consenso e desbotando analizar o proxecto de mellora da estrada provincial CP-7301 entre Xarás e Frións para concluír que o estudo da consellaría “é mellor”.
A Consellería non responde ás alegacións da veciñanza afectada
Despois de 22 meses, as 200 persoas afectadas pola variante aínda non recibiron resposta ás súas alegacións. Chama a atención que anuncien vostedes nos medios de comunicación que hai alegacións do Concello que se terán en conta ao tempo que ignoran aos e ás veciñas. O BNG propuxo o proxecto que curiosamente a empresa decidiu non estudar, “coas beizóns evidentemente do PP e do alcalde de Ribeira” e seguimos reclamando que se cumpra o acordo municipal e defendendo a alternativa da mellora da estrada provincial CP-7301 entre Xarás e Frións porque implica “menos custe e obras, o seu impacto ambiental e social é menor que o proxectado pola consellaría, non afecta a núcleos habitados e as expropiacións reduciríanse significativamente ao seren as propiedades afectadas maioritariamente forestais”.
A proposta do BNG tamén beneficiaría ao centro de Ribeira e as parroquias de Carreira ou Aguiño e as persoas de Corrubedo, Olveira, Oleiros e Artes ao poder escoller esa alternativa para desembocar directamente nos aparcadoiros disuasorios das Abesadas.
En tan só 15 días máis de 1.200 sinaturas recollidas avalan esta proposta. Por que non quere a Consellaría analizar outras alternativas e, sobre todo, por que non responde ás alegacións presentadas por tantas persoas?.
Tras a resposta do Director xeral da Axencia galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez que rexeitou o proxecto alternativo e defendeu o da Xunta, Rosana Pérez mostrou o seu malestar pola resposta e pediu claridade ao membro do goberno sobre as previsións para responder ás alegacións presentadas polos veciños e veciñas porque, polo momento, recalcou, “só foron aceptadas ás do concello”.
Sobre a proposta alternativa, a deputada reiterou que foi desbotada “sen ningunha razón técnica” e sacar o tráfico dun núcleo onde vive un importante número de persoas para trasladalo a outro tamén moi poboado “non é unha solución”. A deputada do BNG volveu a reclamar un compromiso da consellería cos veciños e veciñas do concello de Ribeira e non enrocarse nun só proxecto cando existe outro “alternativo” con menos custe, obras e impacto ambiental e social fronte ao que presenta a Xunta.