O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas para que o Goberno do Estado escoite as demandas realizadas pola veciñanza de Outeiro de Rei e inclúa, no proxecto para a mellora da seguranza viaria na N-VI, os pasos peonís que permitirían atravesar con seguridade a vía que divide o centro urbano. A organización nacionalista demanda ao Goberno rectificar e mellorar o citado proxecto por entender que se trata dunha vía de gran intensidade de tráfico debendo asegurar o tránsito sen risco para as persoas que circulan a pé por esta vía.
Nos últimos anos, a veciñanza de Outeiro de Rei mobilizouse para reivindicar a mellora da seguranza viaria na N-VI e, especialmente, no tramo que atravesa o centro urbano do concello. En concreto, reclamaban a construción de rotondas e pasos seguros para os peóns. Neste sentido, o BNG acompañou a loita dos veciños e veciñas e trasladou as súas demandas a través de iniciativas no Concello e no Parlamento de Galiza e mesmo a través de emendas ao Proxecto de Orzamentos do Estado.
Tras facerse público o proxecto da Demarcación de Estradas do Estado na Galiza para a "Mellora de seguranza viaria mediante implantación de glorieta na intersección do P.K. 513+670 da N-VI. Provincia de Lugo no Concello de Outeiro de Rei”, obsérvase como o Goberno do Estado só estabelece a construción dunha rotonda. Por este motivo, a organización nacionalista reclama a modificación do proxecto e incorporar os pasos de peóns que, tanto o BNG como o conxunto da veciñanza de Outeiro de Rei, demandan.
“Os pasos de peóns son imprescindíbeis para poder circular con seguranza nunha vía cunha elevada intensidade de tráfico como é a N-VI e que divide o núcleo urbano en dous” afirma o deputado do BNG no Congreso. Rego sinala que, nalgúns dos seus tramos, as persoas deben atravesar catro carrís “sen ningún elemento protector e sen que exista limitación de velocidade a 50 km/hora para os vehículos”. De facto, o Concello de Outeiro de Rei debe ser un dos poucos, senón o único en todo o trazado da N-VI, en que non existe ningún paso de peóns que permita atravesar a vía de forma segura.
En opinión do deputado nacionalista, o executivo estatal debe escoitar as reiteradas demandas da veciñanza de Outeiro de Rei despois de anos mobilizándose para conseguir a mellora da seguranza viaria. Así mesmo, o BNG quere coñecer o calendario que manexa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para a realización da obra.
“Resulta evidente que debe revisarse o proxecto para incorporar a construción de pasos peonís que aseguren o tránsito sen risco para as persoas que circulan por esta vía, sobre todo no núcleo urbano que atravesa a N-VI ” conclúe Rego.