O BNG demandou esta tarde no Parlamento galego a implicación da Xunta na procura dunha solución que asegure a continuidade da empresa Maderas Iglesias e o mantemento do emprego dos seus 148 traballadores e traballadoras.
Segundo manifestou o deputado Luís Bará nunha pregunta ante o Pleno da Cámara, a “situación crítica” na que se atopa a empresa, froito “dunha mala xestión empresarial, pero tamén da inanición do Goberno galego”, acentúase coa sentenza xudicial que ordenou a poxa da fábrica para facer fronte á débeda de máis de 35 millóns que ten contraída coas entidades financeiras acredoras.
O deputado nacionalista reprochou á Xunta a súa “desaparición” durante meses, para logo das recentes mobilizacións realizadas polo cadro de persoal e a iniciativa parlamentaria do BNG, aparecer nos últimos días cun par de reunións promovidas dende o Igape cun posible inversor e coas entidades acredoras.
Segundo dixo, “isto non é suficiente” e convidou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación a manter un encontro tamén co comité de empresa que asistía esta tarde ao Pleno parlamentario e a convocar unha mesa con todas as partes para “buscar solucións e unha saída de futuro para estes 148 empregos”.
Neste sentido tamén formulou a posibilidade de que o Goberno galego pida ou colabore na petición do aprazamento da sentenza que obriga a poxar a fábrica, coopere na negociación da débeda coas entidades financeiras ou apoie un posible plan de viabilidade. De igual xeito, Bará tamén preguntou pola valoración do Executivo sobre unha posible entrada de Xesgalicia nun proxecto que supoña o rescate da empresa. O deputado do BNG reclamou unha actuación decidida por parte da Xunta para garantir o futuro da empresa e porque, ao seu xuízo, “é preciso cortar a sangría de perda de empresas e emprego industrial no sur do país”.