Parlamento Europeo

Ana Miranda asiste á toma de posesión de Yamandú Orsi como novo presidente de Uruguai

Ana Miranda
Ana Miranda
A eurodeputada galega salienta o histórico triunfo do Frente Amplio e destaca as fondas relacións co BNG

En representación da Executiva Nacional do BNG, a eurodeputada Ana Miranda asiste este sábado en Montevideo á toma de posesión do novo presidente de Uruguai, Yamandú Orsi, candidato do Frente Amplio (en concreto do MPP, a mesma organización política que o expresidente José Mujica) elixido en segunda volta o pasado 25 de novembro; e da vicepresidenta Carolina Cosse. 

“O triunfo do Frente Amplio é un acontecemento histórico despois de anos de  políticas restritivas de dereitos, que non beneficiaron as clases populares de Uruguai e que nos gobernos do Frente Amplio foron beneficiadas”, destaca Ana Miranda, quen considera que os gobernos do Frente Amplio supuxeron unha gran transformación do país e agora co seu goberno “recupérase a esperanza”. 

Pola contra, ao seu xuízo, o retroceso destes anos co goberno de Lacalle Pou “foi evidente”, e denuncia que este “amigo de Feijóo” foi o responsable do peche dunha institución histórica como é Casa de Galicia. Precisamente foi o Frente Amplio quen defendeu esta institución sanitaria fundada polos emigrantes galegos a principios do século XX.

Coa participación da eurodeputada galega e coordinadora de Relacións Internacionais do BNG na investidura do presidente Orsi ponse de relevo a fonda e longa relación do Bloque co Frente Amplio, xa que será a cuarta vez que Miranda asista á toma de posesión dun presidente do Frente Amplio: anteriormente participou nas investiduras de Tabaré Vázquez (en 2005 e 2015) e de José Mujica (en 2010). 

Encontro con José Mujica

O Bloque e o Frente Amplio comparten axendas de traballo a prol do benestar de ambos pobos e pola diáspora, tanto dos uruguaios que viven en Galiza como da ampla colectividade galega que vive no Uruguai, así como a defensa do internacionalismo. Segundo explica Ana Miranda ao respecto, é un país que apoiou a colectividade galega, integrándoa e ofrecéndolle oportunidades. Precisamente foi en Montevideo, en Casa de Galicia, onde se constituíu o goberno de Galiza no exilio, presidido por Castelao.

Ana Miranda tamén manterá unha ampla axenda de traballo que inclúe diversas reunións con representantes do Frente Amplio e convidados internacionais a toma de posesión do presidente Orsi. Entre as reunións previstas destaca o encontro que manterá co expresidente de Uruguai, José Mujica, así como coa colectividade galega.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG