O BNG demanda que Feijóo dea explicacións pola grave situación do sector naval

A portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Ana Pontón, anunciou hoxe que o BNG ven de solicitar a convocatoria urxente da Deputación Permanente do Parlamento Galego co obxecto de que o presidente da Xunta compareza para dar explicacións pola crítica situación que atravesa o sector naval galego.

Ana Pontón denuncia que “Feijóo e Rajoy incumpriron todas as súas promesas co sector” e que durante este tres anos de Goberno do PP na Xunta de Galiza “o balanzo é nefasto: perdéronse case 10.000 empregos no naval galego, a carteira de pedidos está practicamente baleira, as gradas de Ferrol paralizadas e a maior parte dos estaleiros sen carga de traballo”.

“O PP non pode escorrer a súa responsabilidade”

A deputada nacionalista subliñou que “no BNG temos claro que os problemas que está a atravesar o naval, un sector estratéxico para Galiza pois representa o 5,7% do noso PIB, non poden achacarse en exclusiva á crise económica, pois neste tempo adoptáronse decisións políticas, tanto a nivel a Unión Europea, como do goberno da Xunta e do Goberno Central, que están imposibilitando o desenvolvemento do sector”.

Neste sentido, advertiu de que “o PP non pode escorrer a súa responsabilidade, pois no caso do Goberno de Feijóo durante estes tres anos actuou con complicidade ante estas decisións inxustas e fixo desleixo das súas funcións”.

A día de hoxe o PP non solucionou o problema do tax-lease

Ana Pontón debullou os incumprimentos manifestos do PP co naval galego. Así, criticou “a morneza coa que abordaron a suspensión do tax lease, o seu desleixo á hora de defender o levantamento do veto ao naval en Navantia-Fene, a súa complicidade cos incumprimentos das promesas de Rajoy ou o incumprimento de Feijóo das súas promesas para o naval galego”.

En concreto, a deputada do BNG lembrou que “hai poucos meses o presidente da Xunta e o conselleiro de Industria anunciaban unha alternativa ao tax-lease que estaría funcionando antes do mes de xuño”.

Porén, Ana Pontón puxo de manifesto que “a realidade é que non teñen alternativa a día de hoxe, o que está situando ao naval da ría de Vigo nunha situación difícil, sen poderen asinar contratos, e nunha situación de desigualdade fronte a outros países, e cun Feijóo de brazos cruzados e sendo cómplice dos incumprimentos de Rajoy”.

En Ferrol nin dique flotante nin levantamento do veto á construción naval civil

E no caso dos estaleiros da ría de Ferrol, asegurou que “o balanzo que podemos realizar é se cabe máis crítico”. Así, lembrou que “neste momento é a primeira vez en décadas que non hai ningún buque en construción nas gradas de Navantia”.

A este respeito, lembrou que “hai poucos meses, na campaña das eleccións xerais, o propio señor Rajoy prometía carga de traballo e dique flotante”. Porén, denunciou que “unha vez que o PP gaña as eleccións cambia o discurso e di que hai que escoller en Ferrol entre carga de traballo ou dique flotante”.

Na mesma liña, Ana Pontón lembrou que “Feijóo comprometeuse no Parlamento Galego a que antes de xuño estaría despexado o futuro de Navantia”. Nova promesa incumprida: “Nada se fixo, e o único real é que se perderon dende xuño uns 700 empregos en Ferrol”.

Igualmente, a deputada do BNG lembrou que “cando Feijóo era candidato no ano 2009 prometía un centro de reparacións navais na antiga ASTANO que ía crear 2.000 postos de traballo”. E a realidade volveu ser teimosa, pois “máis unha vez promesas incumpridas e vemos que o goberno do PP está apoiando a deslocalización do naval galego, financiando proxectos en Brasil, Uruguay ou México”.

Outro incumprimento máis. En marzo de 2011, xusto antes das eleccións municipais, celebrouse un Consello da Xunta en Ferrol no que se anunciaba un proxecto industrial para Navantia. Ana Pontón denuncia que “foi un puro anuncio, pois a día de hoxe non se fixo nada; é máis, o propio PP e o propio Feijoo están incumprindo as leis que aproba o Parlamento de Galiza, pois no ano 2010 aprobouse unha Iniciativa Lexislativa Popular en apoio do sector naval que o propio goberno de Feijóo incumpriu punto por punto”.

Dos barcos para PEMEX non se concretou nada

A deputada do BNG, denuncia que “tampouco se concretan os anuncios en relación a PEMEX”. Pola contra, advertiu de que “só temos anuncios e dúbidas que alenta o propio Feijóo cando se nega a facer públicos os acordos que ten asinados con esta empresa”.

“O único certo -retrucou- é que non hai un só estaleiro galego no que se estean a construír os remolcadores anunciados e que os quimiqueiros para Ferrol van ser contratados en Corea, segundo o comité de empresa de Navantia”.

Por todo isto, o BNG considera que “a situación é abondo grave para que se convoque con urxencia unha Deputación Permanente e que o señor Feijóo veña a dar a cara ao Parlamento Galego e que por unha vez diga a verdade”.

 

http://youtu.be/ZRE5ceGkPtM

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG