O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas sobre a rehabilitación integral do Museo Arqueolóxico de Ourense que leva meses de atraso. A organización nacionalista exixe un novo cronograma para a execución das obras e o remate das mesmas na maior brevidade posíbel para que a cidadanía poida gozar deste espazo cultural. Demanda maior información sobre se as adaptacións do proxecto precisarán de modificacións orzamentarias e cal é a estimación de incremento por parte do Ministerio de Cultura.
En xullo de 2019, o Ministerio de Cultura asinaba o contrato para a execución das obras de rehabilitación integral do Museo Arqueolóxico de Ourense coa construtora COPASA despois de vinde anos de espera. As obras, con importe de 9,2 millóns de euros, tiñan como data de finalización 2023 mais o certo é que leva meses de atraso na execución e por veces completamente paralizada.
Algúns dos paros debéronse ás medidas adoptadas para loitar contra a COVID-19, sobre todo durante o confinamento. Porén, agora os retrasos están motivados “pola aparición de novos restos arqueolóxicos que obrigaron a reformular o proxecto inicial” lembra o deputado nacionalista. Neste sentido, destacou que tamén será preciso facer unha serie de adaptacións, tanto das instalacións como das maquinarias que se prevían instalar e ademais adaptalas aos novos requirimentos de eficiencia enerxética, “modificacións que deben ser aprobadas polo propio Goberno Central”.
O certo é que dos 9,2 millóns de euros asinados en decembro de 2021 “apenas se executaron 1,2 millóns o que pon en evidencia que as obras aínda non está na súa fase final de execución”, todo o contrario, “esas cifras veñen a demostrar que o proxecto está case no momento inicial e isto indica un atraso ao que debe darse unha solución”.
“Rexistramos iniciativas para que o Ministerio de Cultura explique as causas, máis aló das que xa formulamos e entendemos, así como para que faga público o novo cronograma de execución para esta rehabilitación” subliña o deputado nacionalista. O BNG demanda tamén información sobre a data que o Ministerio manexa para o remate efectivo das obras e que o Museo Arqueolóxico de Ourense retome a súa actividade de cara o público.
Os atrasos e as modificacións que deben levarse a cabo no proxecto de reforma precisarán, seguramente, dunha adaptación á alza do orzamento. Por iso, o deputado nacionalista pregunta sobre se o Ministerio prevé a realización dalgunha modificación orzamentaria para atender o previsíbel incremento no custo respecto do inicialmente fixado.