O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, reclamou á Xunta que remate o proceso de concentración parcelaria nas parroquias compostelás de Santa María de Villestro e de Figueiras, -85% superficie forestal e 15% superficie agrícola-, que leva 27 anos inconcluso.
“Estamos a falar dunha zona de alta sinistralidade de incendios dentro da área metropolitana de Santiago, visible no camiño de Santiago, na que hai que combater o efecto do lume e acabar cun proceso que se inicio fai moito tempo. Van facer algo?”, interpelaba Rivas na Comisión parlamentaria de Agricultura.
“Os propietarios e as propietarias destes terreos agardan polo remate para poder cultivar, producir e reiniciar as actividades ligadas ao monte, xa que a provisionalidade que se abre con estes procesos limita a explotación e, sobre todo, polo feito de que moitas parcelas quedan descoidadas enchéndose de maleza e poden ser atacadas polos incendios, ademais de perder parte da capacidade produtiva”, argumentou Rivas.
Pese ás case tres décadas desde o inicio do proceso da parcelaria, o PP só secundou instar ao Goberno galego para que se comprometa a finalizar a concentración en ambas parroquias antes do fin desta lexislatura.
O grupo popular rexeitou a proposta nacionalista de que se aproveitase a parcelaria para facer unha reserva de espazo a cargo das masas comúns e das parcelas non reclamadas para a construción do periférico norte, así como para futuras ampliacións da rede viaria.
A superficie afectada en ambas parroquias corresponde a 1.219 propietarios e propietarias, distribuídas en 14.072 parcelas nunha superficie total de 1.523 hectáreas. Moitas destas parcelas son de dimensións reducidas e non ofrecen rendibilidade económica ás persoas titulares por carecer dunha superficie mínima, outro motivo máis para urxir o remate do proceso iniciado en 1991.