O BNG demanda da Xunta que non tire a toalla e busque unha alternativa real para POLIGAL

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “O papel do IGAPE non pode ser o de notario dunha defunción”

O BNG volveu levar ao Parlamento a situación de POLIGAL para instar á Xunta a ter unha implicación real na busca dunha solución que garanta a continuidade desta fábrica, porque non se pode tirar a toalla cando están en xogo máis dun cento de postos de traballo na comarca de Ferrolterra.

“Preocúpanos que estea na UCI pero preocúpanos máis que o papel do IGAPE fora neste tempo pouco máis que de notario da defunción, pero aínda hai tempo de incrementar os esforzos para non ter que escribir o punto e final”, indicou a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas.

Por iso, “esixímoslle un compromiso político para garantir o mantemento do emprego para todo o cadro de persoal e da actividade produtiva, porque nin Narón nin Galiza poden permitirse este peche”, demandou Presas na Comisión parlamentaria de Industria, “e se desde o IGAPE non van facer máis que lamentarse e botar a culpa ao administrador concursal é mellor que se auto-disolvan porque non lle serve para nada á industria deste país”, criticou.

Neste sentido, Presas denunciou a irresponsabilidade da inacción política do Goberno do PP que non actúo nin tomou as medidas necesarias para evitar chegar a esta situación, tendo en conta ademais que estamos ante un claro exemplo de deslocalización.

De feito,  a multinacional ten fábricas en Portugal e desde 2018 en Polonia, nas que fixo investimentos millonarios mentres a planta galega non recibía investimento algún durante vinte anos, co perigo que ten para os procesos produtivos dun sector no que a tecnoloxía é a clave.

“É obvio que estamos ante un claro exemplo de deslocalización, de trasladar a produción para abaratar custes de persoal, algo que é delirante tendo en conta que a remuneración por hora dos e das traballadoras en Galiza é inferior en 3 euros á española e en 7 á europea, o seguinte xa é directamente traballar gratis”, ironizou Presas.

De feito, alega, “estamos a falar dunha empresa que dá beneficios e que tiña carga de traballo comprometida no momento do anuncio de peche e por iso compartimos co cadro de persoal que o concurso de POLIGAL  é intencionado e fraudulento”.

O Bloque reclama do Goberno galego que non dea o caso por perdido e que exerza as súa competencias en materia de industria, máxime tendo en conta que estamos falando dunha comarca moi afectada pola perda de emprego neste sector.

“O peche desta planta sería unha nefasta noticia que se suma ás consecuencias do modelo económico do PP que está convertendo Galiza nun deserto industrial”, indicou, cando tamén está no aire o futuro de empresas como ISOWAT, ALCOA ou Ferroatlántica.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG