BNG demanda a Correos ampliar o horario de oficina en Novo Mesoiro

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego urxe prestar servizo “tanto pola mañá como pola tarde” e recuperar o horario de atención dos sábados dotando a oficina dos medios e persoal suficiente

O deputado do BNG no Congreso vén de rexistrar novas iniciativas para que o Goberno, a través de Correos, amplíe o horario da Oficina de Correos do barrio de Novo Mesoiro, na cidade da Coruña, para prestar servizo tanto pola mañá como pola tarde e recuperar o horario de atención dos sábados. Paralelamente, Néstor Rego reclama ao Goberno dotar esta oficina do persoal e dos medios suficientes para prestar un servizo digno á cidadanía.

Desde a súa apertura, este novo local do servizo do Correos arrastra deficiencias no servizo que presta, como o dun horario excesivamente limitado, só de 9.30h a 13.30h de luns a venres. Anteriormente o local prestaba servizo os sábados de 10 a 12h mais en xullo de 2020 Correos decidiu suprimir este servizo o que implicou numerosas queixas e críticas por parte da veciñanza pero que, lamentabelmente, a día de hoxe segue sen recuperarse.

Cabe destacar que a oficina de Correos situada no Novo Mesoiro atende o servizo postal do propio barrio, 6 núcleos de poboación e 5 urbanizacións que aglutinan a 12.242 persoas segundo o censo do ano 2000. Ademais, atende a dous polígonos industriais, un deles o de Pocomaco, con 380 empresas e aproximadamente 5 000 empregados directos.

“Correos debe ampliar o horario de oficina, prestando servizo tanto de mañá como de tarde e recuperar a atención ao público nos sábados, tal e como demanda a veciñanza” reclama o deputado do BNG. Mais esta decisión, explica Néstor Rego, debe vir acompañada de máis persoal para o local do barrio de Novo Mesoiro para cubrir todas as necesidades e dar un servizo de calidade. “É preciso aumentar tamén os medios materiais dos que dispón esta oficina” enfatiza.

Aumentar a capacidade, neste ou nun novo local?

Por outra parte, o deputado do BNG recorda que o servizo se está a prestar nun local de titularidade municipal, a través do Convenio asinado co Concello da Coruña en 2013 para a cesión deste inmóbel. Dito convenio, de 5 anos prorrogábeis por outros cinco, atópase na actualidade caducado desde xullo de 2023 sen ter noticias sobre a posíbel renovación do acordo ou se se está a negociar a cesión ou uso doutro local.

“Queremos coñecer en que situación se atopa na actualidade o convenio de cesión do local da oficina de Correos de Novo Mesoiro e se se prorrogará o Convenio co concello da Coruña ou se se baralla a posibilidade de utilizar outro local de maior tamaño e con máis capacidade” explica o deputado do BNG.3. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG