A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación Por un monte galego con futuro, que aproveitou para denunciar a situación de emerxencia climática a que, para farcer fronte, considera clave “acertar na xestión do noso monte e na recuperación dos nosos ecosistemas e hoxe Galiza ten no monte un dos principais problemas medio ambientais, froito dunha política de décadas do PP que antepuxo os intereses de empresas como ENCE aos intereses xerais do país”.
Esa política “está levando o noso monte a unha situación límite, a perder oportunidades e a unha diminución da biodiversidade, e un dos principais problemas que afecta ao monte é o abandono do medio rural e unha política forestal ao servizo da pasteira que se traduce nun monocultivo do eucalipto en amplas zonas, que fai perder ecosistemas e calidade ambiental”, denunciou.
A nefasta política forestal e de xestión do monte do PP ten tamén consecuencias económicas. “Lastra as posibilidades de aproveitar todo o potencial e todas as capacidade do , por iso, esta manifestación quere poñer de relevo a necesidade de iniciar un cambio na xestión e, cun cambio de políticas, converter o que é un problema nunha oportunidade de futuro, unha oportunidade económica e unha oportunidade para combater a emerxecia climática que está ás portas e que precisa dunha solución”.
Unha emerxecia á que contribúen os incendios, -recalca-, “que cada ano van a máis, cunha expansión do eucalipto, e xa agora Galiza ten máis hectáreas ocupadas por esta especie das previstas para 2030 e, pese a iso, a Xunta de Feixóo presenta un borrador de plan forestal no que prevé seguir incrementado as hectáreas de eucalipto. Non é un modelo de futuro e hai que cambialo porque o monte galego ten moito potencial”.
Ese cambio de modelo que propón o BNG ten tres patas. En primeiro lugar, unha nova política forestal, “e para iso a Xunta ten que rectificar o borrado do plan forestal ao servizo de ENCE e doutras grandes empresas para apostar por un monte multifuncional, por recuperar especies autóctonas e polas madeiras de calidade, porque iso é o que fan todos os países avanzados do entorno europeo”.
En segundo lugar, a política de xestión do monte debe tamén incluír a loita contra os incendios forestais o que precis de máis recursos para a prevención, para acabar co abandono do medio rural, mobilizar terras agrarias, apostar por un monte con diversidade de usos. E, en terceiro lugar, o Bloque demanda unha nova política de xestión do ciclo da madeira, “porque contamos moita madeira pero transformamos pouca”, indicou, e iso require apostar pola innovación industrial e un cambio de estratexia.
“O que non podemos permitir é ver como se deteriora unha parte do territorio, como a Xunta ataca as comunidade de montes veciñais en man común e como nos fai perder oportunidades de futuro nunha fonte de riqueza que o PP está estragando. Esta manifestación pretende ser unha chamada de atención e poñer o foco nas alternativa viables para mudar un modelo fracasado por outro sustetable, viable economicamente e que evite esa traxedia que vemos cada ano que son os incendios forestais”, concluíu.