O BNG demanda ao PP "que dea a cara" e explique á sociedade o seu modelo privatizador da sanidade

VENCE CONCENTRACION CHUS CONTRA COPAGAMENTOS 2 (27 XAN 2014)O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, demanda ao presidente da Xunta que teña a decencia política de promover un debate social para explicarlle aos galegos e galegas o seu obxectivo de privatizar a sanidade pública.

“Exiximos a Feijóo que se o PP quere seguir adiante coa súa estratexia de desmantelamento da sanidade pública que abra un debate na sociedade para que esta saiba cara onde leva ao sistema público de saúde. Que teña a coraxe de propoñelo ante a sociedade cun debate público aberto nas institucións, e tamén cos profesionais sanitarios”, reclamou Vence.

O dirixente nacionalista sumouse en Santiago ás concentracións que as plataformas SOS Sanidade Pública e Iniciativa Galega pola Gratuidade da Sanidade convocaron as portas dos hospitais do país en contra do copagamento dos fármacos para os doentes crónicos.

Precisamente diante do CHUS, Vence denunciou que o PP “está controlando o sistema sanitario colocando comisarios políticos nos hospitais” que actúan como meros apéndices executores das directrices políticas, “sen diálogo cos médicos e co conxunto do persoal sanitario, piar que mantén o sistema sanitario público”.

Para o portavoz nacional do Bloque, é evidente que asistimos a unha sistemática batería de medidas que o Goberno de Feijóo adopta “con nocturnidade”, pinga pinga.VENCE CONCENTRACION CHUS COPAGAMENTO1

No capítulo de copagamentos, ademais dos fármacos hospitalarios, as próteses, o transporte sanitario para doentes que están sometidos a revisións periódicas, e o 10% que teñen que pagar os xubilados e xubiladas polos medicamentos.

En relación as medidas privatizadoras, a construción do Hospital de Vigo que triplica o custe inicial, a privatización do servizo da electromedicina, da xestión de fármacos e material hospitalario, do servizo de raios, do servizo de esterilización do material, o desvío de accidentados á sanidade privada, e a posta en marcha das áreas de xestión clínica, que poden ser antesala da privatización.

“Desde o BNG, non podemos aceptar esta política do PP que, as agachadas, desmantela cada día un novo servizo sanitario e obriga aos enfermos a cubrir unha parte dos custes dos medicamentos. En definitiva, avanza cara un modelo sanitario inxusto finiquitando unha conquista social, que pode ser revisada, pero sempre para mellorar e garantir que todos e todas somos iguais ante a enfermidade”, concluíu.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG