O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, dirixiu varias preguntas ao Ministerio de Transportes para demandarlle a finalización do tramo da A-54, Palas de Rei-Melide a finais deste ano, como se comprometera.
Asemade, tamén pide axilidade para a execución do tramo Melide-Arzúa. “Os dous tramos adoecen dun ritmo que fai dubidar das datas comprometidas polo Ministerio, quen aseguraba que en decembro de 2023 estaría rematado o primeiro tramo, e ao longo de 2024 o segundo”, sinala Néstor Rego.
“Non son de recibo máis retrasos”
O deputado do BNG considera que “non son de recibo máis atrasos cunha infraestrutura vial que acumula máis de dúas décadas de tramitacións, demoras, paralizacións, problemas e aínda non chegou á meta final”. Critica que a súa construción “se convertese nunha carreira de obstáculos con datas de remate que sempre fican adiadas”.
Rego pon de manifesto o labor de control que o BNG “leva feito ao longo dos anos en relación á autovía Lugo-Santiago. Xusto hai un ano, preguntábamos ao Ministerio polas datas concretas de remate dos dous tramos. Somos conscientes de que xurdiron dificultades como a aparición dos restos arqueolóxicos. Ou do problema suscitado co retranqueo do regato Ladrón en Arzúa que levou a disputas entre a Xunta e o Ministerio, co conseguinte parón das obras. Mais, non se xustifican paralizacións que se alongan no tempo”.
O parlamentar do BNG quer saber cal é o estado de execución do viaduto de Pambre e cando estará rematado. Así como o enlace con Melide.
Considera Rego que “o ritmo parsimonioso co que se están a desenvolver as actuacións, abre serios interrogantes sobre a data de remate da Autovía en 2024. É importante que o Ministerio garanta os prazos e non se vaia a máis atrasos”, e empraza ao Ministerio a dar cumprimento aos prazos temporais marcados.