O BNG demanda ao Goberno Central que free a discriminación de prezos ao sector lácteo galego

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno Central que interveña para frear a discriminación de prezos que practican as cadeas de distribución de Francia e Alemaña contra o leite galego.

Davila lembra que o sector lácteo galego “atravasa unha grave crise que se agrava pola suba dos custos de produción e o diferencial de prezo”.

Así, dende o ano 2005 mentres os ingresos dos gandeiros galegos pola venda de leite medraron un 0,9% os custos de explotación fixérono nun 29,6%, co que a súa renda caiu nun 43%.

O prezo do leite en Galiza, o máis baixo do Estado e da Unión Europea

E isto está provocado en boa medida porque o prezo que reciben os gandeiros galegos é dos máis baixos da Unión Europea e o máis baixo do Estado español: un 5,5% menos que a media estatal, un 5,48% inferior ao de Portugal, un 1,10% inferior ao de Francia, un 5,65% ao de Alemaña e un 12,16% inferior ao de Holanda.

O goberno da Xunta de Galiza tamén ten responsabilidades

A deputada do BNG afirma que “a Xunta de Galiza non está exenta de responsabilidades nesta crise”. Lembra que Galiza conta co 40% da produción láctea do Estado e co 50% dos produtores e produtoras “polo que o Goberno galego debería liderar a defensa do sector no Estado en lugar de dedicarse, como fixo nos últimos anos, a eliminar importantes instrumentos dos que o Goberno anterior da Xunta -participado polo BNG- se dotara para defender o sector e que deron importantes resultados”.

Ante esta situación, a deputada nacionalista demándalle aos ministerios de Agricultura e Economía que “non permitan que a distribución francesa e alemá actúe de xeito que favoreza a discriminación de prezos das empresas sobre o leite galego”.

Tamén solicita a parlamentaria do BNG que o Goberno “formule con urxencia as modificacións normativas que aseguren a aplicación axeitada dos contratos no sector lácteo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG