O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas despois de coñecer a nova licitación aprobada no Consello de Ministros para a modernización e mantemento de locomotoras. A organización nacionalista exixe ao Ministerio destinar nas instalacións loxísticas da Galiza e, tamén, ampliar e renovar o parque móbil que opera no País máis alá desta actualización.
O pasado martes, 17 de setembro, o Consello de Ministros e Ministras autorizou ao Ministerio de Transportes a licitar, por medio de ADIF, a modernización e o mantemento de 43 locomotoras cun investimento de 55 millóns de euros no conxunto do Estado. Este contrato prevé a renovación de sistemas e compoñentes do parque móbil co obxectivo de alongar a súa vida útil, garantir a súa fiabilidade e mantemento durante cinco anos máis.
“Estas locomotoras da serie 311 operarían en terminais de transporte de mercadorías e tamén se empregan para dar apoio en traballos de mantemento da infraestrutura ferroviaria” sinala o deputado do BNG nas súas iniciativas. Mais, neste sentido, Néstor Rego demanda ao Ministerio coñecer “cantas locomotoras das 43 totais ten previsto destinar ou situar nas instalacións loxísticas en territorio galego”. No caso da Galiza, os centros son os de A Coruña – San Diego e Vigo Guíxar.
O Goberno enmarca estas melloras nos ODS 9 (Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel) para o desenvolvemento de infraestruturas fiábeis, sustentábeis e de calidade mais, a organización nacionalista quere ir máis alá da actualización do material rodante. “Na Galiza é necesario ampliar e renovar o parque móbil nas terminais de transportes de mercadorías” evidencia Néstor Rego.