Madrid, 11 de maio de 2024. O Bloque Nacionalista Galego rexistra distintas iniciativas nas Cortes Xerais para demandar ao Goberno do Estado actuacións urxentes na N-541 ao seu paso polos concellos ourensáns reclamando medidas que permitan eliminar dos listados de estradas máis perigosas esta vía. Carme da Silva e Néstor Rego urxen unha mellora integral e reducir o volume de tráfico que presenta esta estrada e, paralelamente, preguntan sobre a disposición do Goberno de construír unha vía alternativa que permita retirar o tránsito dos principais núcleos de poboación polos que discorre.
A estrada que comunica Ourense con Pontevedra, a N-541, aparece en distintos informes de RACE e da propia Asociación Europea de Automobilistas como unha das máis perigosas do Estado. No territorio ourensá discorre polo centro de concellos como Punxín, Maside, O Carballiño, Boborás, O Irixo e Beariz.
“Hai que lembrar que no acordo de investidura conseguido polo BNG contémplanse unha serie de actuacións para a mellora integral de estradas de titularidade estatal entre as que se atopa a N-541 polo que entendemos que o Ministerio de Transportes debe impulsar as actuacións necesarias para, ademais de cumprir o acordo, mellorar a seguranza viaria da estrada” destaca o deputado do BNG no Congreso.
Impulso de novas infraestruturas
Paralelamente, e co obxectivo de reducir o elevado volume de tráfico que pasa por estas localidades, a organización nacionalista defende avanzar cara a construción dunha estrada alternativa á N-541. “Queremos coñecer a postura do Goberno do Estado porque, aínda sabendo que é unha infraestrutura que pasaría unicamente polo territorio galego, entendemos que o Ministerio se debería implicar na construción da autovía” subliña Carme da Silva.
“Pode ser unha boa opción para reducir o paso de tráfico polo centro de localidades como Punxín, Maside, O Carballiño, Boborás, O Irixo e Beariz” aclara a senadora do BNG.