BNG defenderá no Senado “dar un impulso histórico e decidido” para transformar a rede ferroviaria na Galiza

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva: “Galiza precisa un salto ao futuro da man do sistema e as infraestruturas ferroviarias e o BNG está decidido a impulsar esta transformación”

A senadora do BNG defenderá un sistema ferroviario integral, coherente e útil que permita vertebrar o territorio e posibilite o uso dos servizos ferroviarios

O BNG presenta unha moción para debate no pleno do Senado demandando a axilización e aceleración de infraestruturas ferroviarias estratéxicas para a Galiza: cercanías, Eixo Atlántico, conexión con Lugo ou modernización da rede ferroviaria, entre outras

O BNG, a través da súa senadora Carme da Silva, defenderá na cámara alta unha moción -consecuencia da interpelación realizada o Ministro de Transportes- para impulsar e axilizar infraestruturas ferroviarias estratéxicas para a Galiza e rematar co déficit histórico que sofre. Carme da Silva quere converter a rede ferroviaria galega nun eixo vertebrador do territorio, que favoreza unha Galiza mellor conectada, máis sustentábel e capaz de aproveitar todo o seu potencial social, económico e ambiental. Axilizar os trámites e a posta en marcha dos servizos de cercanías, acelerar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago ou impulsar a construción do Eixo Atlántico para o norte e sur da Galiza, entre as cuestións que serán debatidas e votadas polo Senado.

“Galiza precisa un salto ao futuro da man do sistema e as infraestruturas ferroviarias e o BNG está decidido a impulsar esta transformación. No próximo pleno defenderemos unha moción co obxectivo de converter a rede ferroviaria galega nun eixo vertebrador do territorio, que favoreza unha Galiza mellor conectada, sustentábel e capaz de aproveitar o seu pleno potencial social, económico e ambiental” anuncia Carme da Silva. A senadora do BNG, neste sentido, defenderá na cámara alta dar “un impulso histórico” para transformar a rede ferroviaria e axilizar infraestruturas estratéxicas para o desenvolvemento da Galiza.

Unha Galiza máis próxima. As cercanías ferroviarias

Para o BNG, a falta dunha rede ferroviaria de proximidade na Galiza é unha débeda histórica. A iniciativa propón “axilizar os estudos e trámites necesarios para a implantación dos servizos de cercanías ferroviarias e conectar as áreas urbanas e metropolitanas, comezando cos eixos A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra”. Carme da Silva sinalou o avance histórico que se vén de producir na Galiza a respecto deste servizo mais demanda axilizar os trámites: “é a primeira vez que se leva a cabo unha estudo para a implantación das cercanías ferroviarias mais o Goberno debe facer máis rápida a execución e pór en funcionamento este servizo cante antes”.

Un futuro máis verde, unido sobre carrís, onde se aposte pola mobilidade ferroviaria como o medio de transporte máis sustentábel nun contexto de descarbonización onde se están a primar este tipo de mobilidades sustentábeis e máis respectuosas co ambiente. “Galiza necesita unha rede ferroviaria coherente, moderna e eficiente, que vertebre o territorio, facilite a mobilidade cotiá e potencie o desenvolvemento das áreas máis desconectadas” subliña.

Lugo e Santiago: unha conexión pendente que Galiza reclama

A cidade de Lugo segue esperando unha conexión ferroviaria directa e eficaz con Santiago de Compostela, unha anomalía na estrutura de transportes que o BNG esixe corrixir con urxencia. A moción inclúe a “acelerar a tramitación do Estudo de Viabilidade e dos procesos técnicos correspondentes para a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela”. Do mesmo xeito, o BNG buscará o apoio do Senado para que o Goberno promova a modernización e a mellora da infraestrutura da liña ferroviaria A Coruña-Lugo para poder ofrecer tempos de viaxe competitivos e eficaces para o tránsito habitual.

A espiña dorsal ferroviaria da Galiza: o Eixo Atlántico

O BNG defende, ademais, a culminación do Eixo Atlántico ferroviario en toda a súa extensión. “Esta infraestrutura foi proxectada no seu inicio desde Ferrol até a fronteira con Portugal, e actualmente só cobre o tramo A Coruña-Vigo” recorda Carme da Silva. A moción do BNG, entre outras cuestións, propón completar o traxecto cara ao norte mediante a construción do baipás de Betanzos e a modernización da liña A Coruña-Ferrol.

Polo sur, a senadora do BNG destaca a necesidade de que o Goberno do Estado coordine co Goberno portugués “a priorización e axilización da execución dos tramos ferroviarios para a construción do Corredor de Alta Velocidade Vigo-Porto, sen postergala en favor de ningunha outra conexión, acelerando para iso na parte correspondente ao Goberno do Estado a construción da saída sur de Vigo co obxectivo de que poida estar finalizada no horizonte do ano 2030”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG