Senado

BNG defenderá no Senado a cesión á Galiza dos activos da SAREB para impulsar a vivenda social pública

Carme da Silva levará a debate e votación unha moción na Comisión de Vivenda da cámara alta o vindeiro luns, 23 de setembro

Ceder de forma gratuíta os inmóbeis para que sexan incorporados ao parque público do IGVS e reformular o Plan Viena para que prime o uso social das vivendas, afastándose dos criterios economicistas ou de rendibilidade: propostas do BNG

O Bloque Nacionalista Galego promoverá unha “verdadeira aposta pola vivenda pública” durante a Comisión de Vivenda e Axenda Urbana do Senado instando o Goberno, nunha moción, a ceder de forma gratuíta todos os activos da SAREB á Galiza para que sexan incorporados ao parque público do IGVS e destinalas a vivenda social ou de protección oficial. Así mesmo, a senadora do BNG defenderá reformular o Plan Viena para que prime o uso social nas vivendas no canto de criterios de rendibilidade económica dos inversores.

Durante a próxima Comisión de Vivenda e Axenda Urbana do Senado, o Bloque Nacionalista Galego defenderá unha moción relativa aos activos inmobiliarios da SAREB na Galiza, estado e cesión gratuíta á Xunta para destinalos a vivenda social pública. A encargada de defender esta proposta será a senadora nacionalista, Carme da Silva, para que a Galiza “dispoña de máis vivenda social” e se aposte por unha política de vivenda pública “efectiva e real”.

A iniciativa procura o apoio da cámara alta para que o Goberno do Estado traslade ao goberno galego, antes de finalizar o ano, a información actualizada sobre o número de bens inmóbeis e chans, así como o seu estado de conservación, a súa evolución e localización do parque inmobiliario en mans da SAREB na Galiza.

“O Goberno do Estado debe levar a cabo a cesión gratuíta á Xunta de Galiza das vivendas propiedade da SAREB no territorio galego para que se destinen a usos sociais e sexan incorporadas o parque público do Instituto Galego de Vivenda e Solo” afirma a senadora do BNG. Carme da Silva, ademais, puntualiza sinalando que será cedidas aquelas vivendas e inmóbeis que se atopen en condicións adecuadas para o seu uso ou que precisen reparacións de pouca entidade e non estean en ningún tipo de situación legal que impida o seu aluguer unha vez cedidas.

O Estado, asevera a senadora do BNG, posúe milleiros de activos inmobiliarios en mans da SAREB, dispondo “dun valioso instrumento para facilitar un alugueiro social xusto nun contexto de importante encarecemento da vivenda, de escaseza de vivenda de protección pública e de contracción do mercado do alugueiro”. A intervención pública no actual mercado da vivenda “é básica” para desenvolver políticas públicas que faciliten o acceso igualitario á vivenda nos colectivos máis vulnerábeis e con menos recursos.

Así mesmo, a organización nacionalista chama ao Goberno do Estado a reformular o Plan Viena para que se primen os usos sociais das vivendas, no canto dos criterios economicistas ou de rendibilidade dos inversores. “Así mesmo, ten que acordar o traspaso da titularidade destas vivendas ás Comunidades Autónomas co obxectivo de realizar unha xestión pública e social unha vez que remate o período de cesión concedido aos inversores” sentenza Carme da Silva.

Pasar das palabras aos feitos

En varios ocasións ao longo do ano 2023 e deste mesmo ano, o Presidente do Goberno anunciou a disposición de 100.000 vivendas da SAREB para destinalas ao alugueiro social sendo consciente da mala xestión que dita entidade estaba a facer e da súa pouca ou nula achega a un sistema de vivenda social pública. “Mais, por desgraza, as medidas non pasaron do limiar do anecdótico ou, máis ben, do propagandístico” lamenta da Silva.

De facto, tamén en exercicios anteriores se anunciaron outros anuncios e mesmo se chegaron a tramitar convenios para a cesión de vivendas sociais da SAREB a baixos prezos para familias vulnerábeis ou con baixos recursos económicos mais, con todo, non consta a súa materialización. “É a hora de pasar dos anuncios aos feitos, de materializar as palabras e desenvolver unha política pública de vivenda que atenda as necesidade da cidadanía” finda a senadora do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG