Congreso

BNG defenderá impulsar e blindar o transporte colectivo como servizo público na Lei de Mobilidade Sustentábel

Néstor Rego
Néstor Rego

Apostar polo ferrocarril, como medio estratéxico do futuro, aumentando as liñas e frecuencias e estabelecendo sinerxías co transporte por estrada para unha mellor interconectividade

Respectar as competencias propias da Galiza, asegurar o financiamento suficiente ou atender as novas necesidades da cidadanía ante a mobilidade, evitando a supresión de liñas

O BNG promove nas súas emendas un modelo non radial, que permita a conexión interna dos territorios, a modernización das infraestruturas existentes e o impulso á construción de novas

“Queremos corrixir o déficit histórico que sofre a Galiza en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias, a través da dotación de maior investimento para cubrir as necesidades do País” defende Rego

Manter as bonificacións no transporte público, especialmente o ferroviario, para determinados colectivos vulnerábeis, mocidade, persoas usuarias recorrentes ou persoas xubiladas, entre outros

O Bloque Nacionalista Galego rexistra máis de 100 emendas ao Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel centradas en blindar o transporte colectivo como un servizo público e respectar as competencias propias das Comunidades Autónomas, nomeadamente da Galiza. O BNG procurará asegurar por Lei o financiamento así como os recursos materiais e humanos para prestar o servizo público, así como evitar a supresión de liñas e paradas para dar cobertura a todo o territorio, virando cara a un modelo non radial que permita a conexión da cidadanía. Néstor Rego, o deputado do BNG, destaca as emendas encamiñadas a superar o déficit histórico que sofre á Galiza en materia de infraestruturas, sobre todo ferroviarias, aumentando o investimento e implantando as cercanías ferroviarias.

“O texto proposto polo Goberno fala da rendibilidade económica do servizo, mais presentamos emendas para corrixir esta redacción e garantir que non se supriman paradas e liñas existentes na actualidade e dar cobertura a territorios menos poboados ou con alta dispersión poboacional onde debe primar garantir o servizo público de transporte” afirma o deputado do BNG. Un dos obxectivos da organización nacionalista é impulsar o transporte colectivo que, do punto de vista do BNG, “debe ser un instrumento que contribúa ao desenvolvemento económico, permita a cohesión social e o equilibrio territorial”. Para este cometido, o deputado do BNG exixe dotar os servizos, tanto de transporte por estrada como ferroviario, “de horarios, frecuencias e tarifas adecuadas adaptadas á realidade dos diferentes territorios”. Desta maneira, e en colaboración coas Comunidades Autónomas, facilitaríase a interconectividade e, polo tanto, un servizo de transporte verdadeiramente intermodal “que permita a conexión interna dos territorios e adaptando o servizo as necesidades da poboación”.

Un bloque de emendas procuran blindar o transporte colectivo como servizo público e garantir, por imperativo legal, o financiamento suficiente do transporte público por parte da Administración Xeral do Estado, autoridade competente que “debe dotar dos recursos materiais e humanos suficientes para poder prestar o servizo público”. No financiamento, a frente nacionalista tamén reclama orientar o investimento para superar o déficit histórico que sofre á Galiza, sobre todo en infraestruturas ferroviarias -implantando o servizo de cercanías, por exemplo-, para cubrir as necesidades mínimas e básicas, así como completar, na maior brevidade, o corredor Atlántico de mercadorías e realizar as obras precisas para a conexión das autoestradas ferroviarias.

A organización nacionalista fai moito fincapé nas súas emendas na aposta decidida polo ferrocarril como medio de transporte público “estratéxico para o futuro da Galiza e do Estado” polas súas características frente ao proceso de descarbonización. Urxe a implantación do servizo ferroviario de proximidade na Galiza, que a día de hoxe carece del, e demanda ampliar os servizos ofrecidos até o de agora, recuperando por exemplo o tren nocturno, e aumentando as liñas e frecuencias ferroviarias.

No relativo aos bonos, o BNG defende o mantemento das bonificacións no transporte público, especialmente o ferroviario, para determinados colectivos vulnerábeis, mocidade, persoas usuarias recorrentes ou persoas xubiladas, entre outros. “Esta cuestión está recollida tamén no acordo de investidura conseguido polo BNG o pasado ano polo que entendemos que o Goberno debe estabelecelo por lei para evitar futuros recortes” subliña Rego.

“O Estado deberá apostar polo mantemento e posta en valor de todas as infraestruturas xa existentes, especialmente ferroviarias, dotándoas adecuadamente de medios materiais e persoais para un funcionamento adecuado, nunca promovendo ou seu desmantelamento” sinala o deputado do BNG no Congreso. Neste sentido, exixe non impedir a construción e impulso de novas infraestruturas e a modernización das xa existentes para ofrecer un servizo público de calidade.

Así mesmo, sempre que fose posíbel, a frente nacionalista demanda a creación e promoción de empresas públicas de transporte. Tamén incluíu unha emenda para paralizar a privatización da xestión das torres de control aéreas, así como a reversión ao ámbito público das agora concesionadas, para garantir a seguridade aérea. 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG