A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista ás eleccións europeas, Ana Miranda, mantiveron un encontro co sector pesqueiro en Celeiro no que manifestaron o compromiso do BNG para defender en Bruxelas o recoñecemento de Galiza como zona altamente dependente da pesca e que teña voz e voto nas mesas de negociación da política pesqueira.
“O recoñecemento como zona altamente dependente da pesca é unha cuestión de sentido común que nos permitiría ter acceso a máis recursos para garantir o futuro do sector”, explicou a líder nacionalista logo de lembrar que o pesqueiro é un sector estratéxico da economía galega, do que depende unha parte moi importante do PIB e miles de postos de traballo.
“Nós queremos ser a voz que defenda ao sector pesqueiro cun programa onde recollemos propostas importantes para que Galiza siga sendo unha nación mariñeira”, subliñou.
Pontón e Miranda agradeceron o encontro cunha ampla representación do sector, encabezada polo presidente de Porto de Celeiro, José Novo, no que expuxeron as principais propostas do BNG a favor da pesca galega en Europa, entre as que tamén apuntaron a necesidade de que Galiza teña voz e voto en materia de política pesqueira, polo impacto que esta ten sobre unha actividade estratéxica para o País.
A portavoz nacional apostou por que Galiza teña “presenza directa con dereito de voto” en todas as mesas de negociación nas que se tomen decisións en materia pesqueira, algo que xa acontece, por exemplo, no caso das Illas Feroe, que negocia directamente neste ámbito de actuación e non Dinamarca.
Neste sentido, advertiu que Bruxelas, con apenas 70 km de costa e unha minifrota, si está sentado no Consello de Pesca, mentres que Galiza, con 1.500 quilómetros de costa e unha das maiores frotas pesqueiras do mundo, non o está. “É clave que o País teña voz e voto á hora de defender o sector pesqueiro e que participe directamente desas negociacións”, recalcou.
Pontón tamén avanzou que o BNG vai pelexar pola derrogación do principio de estabilidade relativa, xa que “está discriminado” á frota galega, e por acabar coa prohibición de modernizar e renovar a frota para, segundo a UE, non incrementar a capacidade pesqueira. “Isto non é verdade, o que nos permitiría a renovación da frota é mellorar a seguridade e as propias condicións das persoas que traballan no mar”, advertiu.
Sempre tendo en conta que o pesqueiro é un sector estratéxico para o País, o Bloque defenderá de igual xeito na Eurocámara a revisión dos acordos que ten Europa con terceiros países, sobre todo cos asiáticos porque hai que “protexer mellor” a produción galega, cando se está importando peixe que non teñen as mesmas condicións que se lles exixen á frota do País, o que representa “unha competencia desleal”.
Revisión das vedas á pesca de fondo das 87 zonas do Atlántico
Así mesmo, o Bloque reclamará a revisión urxente das vedas á pesca de fondo das 87 zonas do Atlántico para deixar fóra do ámbito de aplicación ás artes de palangre de fondo e enmalle.
Outro dos asuntos sobre os que a líder nacionalista puxo o foco foi o exceso de burocracia, cunha sobre abundancia de normativa, ás veces incompatible entre si e mesmo algunhas normas de moi difícil cumprimento. “Hai que desburocratizar todas as condicións nas que está traballando o sector pesqueiro; evidentemente hai que cumprir as normas e velar por que todo o sistema funcione ben, pero o que non ten ningún sentido é introducir burocracia que o único que fai é entorpecer o propio funcionamento e a competitividade do sector”, explicou.
En definitiva, o BNG vai utilizar o escano galego para darlle voz ao sector pesqueiro en Bruxelas e para seguir denunciando que dende as institucións europeas “se quere limitar máis a capacidade pesqueira” de Galiza, o que supón destruír moitos empregos no País, pero tamén “atacar a calidade do peixe que recibimos”
Pola súa parte, Miranda reclamou unha reforma da Política Pesqueira Común “para que teña en conta os intereses do sector pesqueiro galego” e incidiu na necesidade de que Galiza sexa recoñecida como zona altamente dependente da pesca e que estea presente con voz e voto na Comisión europea de Pesca.
A candidata nacionalista recalcou a necesidade de que Galiza conte cunha voz propia que defenda os intereses do sector en Bruxelas porque se o BNG non está, “ninguén máis vai defender a pesca galega”, subliñou.
De igual xeito, Miranda apuntou a necesidade de impulsar o relevo xeracional no sector e apostar pola formación profesional das persoas que traballan no mar e concluíu criticando as limitacións administrativas que impón a Unión Europea e que non favorecen o aproveitamento de todas as potencialidades que ten a pesca galega.