O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado Néstor Rego, rexistra novas iniciativas para que o Goberno do Estado tome as medidas necesarias que garantan ao sector do taxi pólizas de seguro xustas. O aumento desproporcionado e inxustificado que se está a producir neste tipo de seguros debe ser atendido pola Dirección Xeral de Seguros e evitar que as aseguradoras leven a cabo este tipo de prácticas. A organización nacionalista defende atallar este problema no sector do taxi e impedir que esta situación comprometa economicamente a milleiros de profesionais, pondo en risco a súa viabilidade futura.
Segundo reclama o BNG, o Ministerio de Economía, nomeadamente a Dirección Xeral de Seguros, debe supervisar as operacións que se están a producir a respecto da suba inxustificada e desproporcionada no prezo das pólizas para evitar que as aseguradoras poidan realizar estas prácticas que non se axustan á evolución do risco. “O Goberno ten o deber de velar pola situación dun transporte que está considerado de interese xeral e público, especialmente para garantir a mobilidade en áreas do rural que, como no caso da Galiza, non existen outras opcións de transporte público” subliña o deputado do BNG.
As aseguradoras pretenden xustificar os incrementos dos prezos das pólizas na “inflación, no aumento dos custos dos sinistros, na suba do baremos das indemnizacións e no aumento da sinistralidade”. Mais, claramente, estes argumentos que non se axustan á realidade, posto que a inflación non pode xustificar máis que unha suba na porcentaxe correspondente ao IPC e non é certo que exista un aumento da sinistralidade nin dun maior número de partes ou incidentes a cubrir pola aseguradora.
Iniciativas a debate no Congreso para defender o sector do taxi
Por outra parte, a organización nacionalista exerce presión sobre o Goberno e vén de rexistrar conxuntamente con outras organizacións políticas con representación no Congreso novas iniciativas para o seu debate na cámara. No concreto, a iniciativa rexistrada insta o Goberno “a tomar as medidas que permitan garantir ao sector do taxi pólizas de seguro cun custo competitivo axustado e proporcional ás coberturas requiridas e poder seguir exercendo a actividade profesional”.