O Bloque Nacionalista Galego comprométese a exixir o saneamento integral dos ríos de Ourense e a transferencia a Galiza da súa xestión para acabar coa anomalía que supón que os ríos galegos se xestionen a 500 quilómetros. A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, demandará tamén a transferencia a Galiza da xestión dos Fondos Europeos pedindo unha discriminación positiva para Ourense, tamén nos Orzamentos do Estado, para rematar co déficit histórico en investimentos e infraestruturas que sofre para impulsar a industria e a conectividade.
A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, estivo acompañada da deputada da organización nacionalista no Parlamento Europeo, Ana Miranda, así como do portavoz municipal de Ourense, Luís Seara, e o deputado da cámara galega Iago Tabarés.
“É hora de acabar con esa anomalía de que todos os ríos de Ourense se xestionen a máis de 500 quilómetros e dependan de decisións políticas afastadas do territorio. Iso é ineficiente e ten repercusión negativas sempre para o noso País” apunta a cabeza de lista do BNG por Ourense. De facto, engade a candidata, esta xestión tamén prexudica a veciñanza e a propia xestión que realizan os concellos ourensáns.
Ante esta situación, Presas adianta que reclamará a xestión directa “tanto da hidrográfica do Miño-Sil como a da sub-bacía do Támega para acometer o labor de saneamento e facer a planificación axeitada para afrontar os problemas da seca e o desabastecemento”.
Rematar co déficit histórico que sofre Ourense
“Os novos fondos europeos de protección do medio ambiente e de apoio á axenda sustentable deben ser unha oportunidade para o saneamento dos ríos galegos como o Barbaña” avanzou Miranda. Así mesmo, destacou a necesidade de que Ourense conte, por primeira vez na historia, cunha representante nacionalista no Congreso que sexa capaz de condicionar –formando parte do Grupo Galego forte- as políticas do Estado en favor de Ourense e do seu medio ambiente.
Segundo explica a deputada no Parlamento Europeo, Galiza posúe características propias e de forma máis intensa en Ourense: a dispersión poboacional, a falta de relevo demográfico, o elevado nivel de avellentamento ou mesmo a necesidade de impulso industrial.
Neste sentido, Presas destaca que no reparto dos Fondos Europeos, así como dos vindeiros Orzamentos do Estado, “é hora de facer discriminación positiva para Ourense” e rematar, así, co déficit histórico en materia de investimentos. “Ourense debe aproveitar esta oportunidade para ter máis músculo industrial ou mesmo maior conectividade porque, a día de hoxe, existen zonas de Ourense que carecen de cobertura de telefonía móbil e de Internet” asevera. Alén do máis, estes recursos tamén estarían destinados a apostar pola investigación e pór en valor o Campus da Auga.