Parlamento Galego

BNG defende que as axudas públicas revertan na industria da automoción de Vigo

Brais Ruanova
Brais Ruanova

Brais Ruanova salientou que o caso da fabricación da furgoneta K9 é un caso que a Xunta do PP debe tomar en serio e abordar con toda seriedade posible para estudar a viabilidade da devolución destas estas axudas

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Brais Ruanova Vilas-Boas, presentou na Comisión 6ª, Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, unha Proposición Non de Lei para estudar a viabilidade xurídica do reintegro das cantidades percibidas por Stellantis para o desenvolvemento da nova furgoneta K9 que finalmente se producirá fóra de Vigo.

Ruanova salientou que, de verificarse tal viabilidade, “se proceda a aplicar o antedito reintegro”, así como dos xuros de demora correspondentes, desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro. Dende o BNG instouse ao goberno do Partido Popular a que sexa parte activa na defensa dos intereses deste país, “que faga valer Galiza as ferramentas das que dispón para estudar a viabilidade da devolución destas axudas” e que se poña do lado do conxunto da automoción e non dunha empresa en particular.

O BNG volve traer ao Parlamento unha iniciativa para articular e mellorar a nosa lexislación, co fin de blindar que os fondos públicos “deixen de servir como financiamento para aquelas empresas que deslocalicen” ante o que, o deputado definiu como un dos casos máis “sangrantes de deslocalización a conta dos cartos das galegas e galegos”.

No 2019  PSA Peugeot Citröen (PSA) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) deciden xuntarse para a fabricación da K9 eléctrica. Este proxecto vai supoñer unha revolución no I+D, vai ser a vangarda da nova mobilidade, vai traccionar a economía, vai xerar miles de empregos. Así, con toda a ilusión do mundo e con promesas dun futuro brillante, “entre 2020 e 2021 entréganse case 4 millóns de euros para o deseño” apuntou Ruanova.

Deséñase en Vigo unha plataforma para producir unha nova liña de vehículos eléctricos, que entre as condicións da súa memoria estaba a exclusividade de fabricación destes vehículos en Vigo, mais Ruanova destacou que o problema vén cando unha das parte, formada por PSA e a GAIN, “decide unilateralmente usar esa tecnoloxía deseñada en Galiza, demostrando o valor tecnolóxico e de innovación das persoas que temos neste país, para utilizala fóra de Vigo”. O deputado nacionalista manifestou que “o sistema que tanto emprego e tanta estabilidade ía xerar, e efectivamente o xera. Xérao en Reino Unido, xérao en Turquía e xérao en Portugal, que semellaban ser extras nesta película pero que acabaron sendo os protagonistas desta obra”.

O BNG denuncia que mentres tanto Galiza e Vigo quedan sen unha peza importante no coche do futuro, sen unha oportunidade para se adaptar ao novo paradigma de mobilidade, de electrificación e de descarbonización. “O que pedimos é o Goberno do Partido Popular se poña do lado das galegas e dos galegos para que garanta que os cartos que son de todos e de todas cumpran escrupulosamente os obxectivos para os que son destinados”.

Brais Ruanova sinalou que a automoción galega debe ser protagonista do seu futuro e por iso o BNG levamos insistindo en que é preciso fornecer á industria auxiliar de ferramentas para diminuír a dependencia dun único gran fabricante, apostar por dotarnos dun plan para a fabricación dos compoñentes de maior valor engadido no sector da automoción e atender ás dinámicas de deslocalización para actuar sobre as mesmas. O deputado sinalou que no último trimestre, destruíronse en Vigo máis de 1.800 empregos segundo a EPA.

A iniciativa presentada polo BNG para blindar os fondos públicos a aquelas empresas que se deslocalicen, non saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG