O BNG defende no Parlamento os postos de traballo de T-Solar e o PP vota en contra

Tereixa Paz e Francisco Jorquera informan aos traballadores/as de T-Solar do debate co Partido popular celebrado no Parlamento galego

A Proposición non de lei nacionalista foi rexeitada polo Partido popular escudándose en que a Xunta non está amparada "legalmente" para decidir a continuidade da empresa nin para liderar as negociacións.

Pleno-. A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz lamentou hoxe a negativa do Partido popular de garantir a actividade e totalidade dos postos de traballo na fábrica de T-Solar no Parque tecnolóxico de Ourense e afirmou, que unha vez máis, o PP minte ao afirmar que a empresa fora construída para abastecer o mercado exterior porque na propia documentación do concurso recóllense MW instalados por T-Solar e Isolux en diversos lugares do Estado.

Por outra parte tamén negou as afirmacións da portavoz popular sobre as reunións entre a Xunta e as partes implicadas “os traballadores e traballadoras pechados aínda agardan por esa reunión así como a Comisión de seguimento constituída o pasado luns”:

A deputada preguntou onde está a “ilegalidade” que suporía a implicación da Xunta para garantir a continuidade dos postos de traballo establecendo os avais precisos a través do IGAPE ou doutro organismo para apoiar o proxecto empresarial e que a Xunta lidere todas as xestione e negociacións.

Para a nacionalista a emenda presentada polos populares á iniciativa nacionalista non é máis que “outra palmadiña no lombo aos traballadores” pois, aos seu entender, non supón ningunha medida concreta para resolver a “súa dramática situación”.

No transcurso do debate da iniciativa un gran número de traballadoras e traballadores manifestábanse nas inmediacións do Parlamento agardando por unha resposta do Goberno galego. A deputada que vestía unha camiseta laranxa co lema T-Solar NON AO PECHE, pediu “respecto e apoio á plantilla de traballadores” que levan 72 días de encerro tras formalizarse un expediente de regulación de emprego o pasado mes de abril.

Para a deputada, a única intención de Isolux, propietaria da fábrica é desguazala coa conivencia dun administrador concursal e deixar sen traballo a 172 traballadores e traballadoras.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG