BNG defende a mellora dos servizos ferroviarios en Ourense

Ourense
Ourense

A frente nacionalista entrega máis de 1.500 sinaturas na Delegación da Xunta de Galiza baixo o paraugas da campaña permanente que está a desenvolver co lema “Queremos Tren”

“O Goberno español non pode seguir discriminando o noso País en materia de transporte ferroviario. Queremos unha mellora das conexións, das frecuencias e dos horarios na Galiza” afirma Rego

O Bloque Nacionalista Galego dentro da campaña “Queremos Tren” fai entrega das máis de 1.500 sinaturas recollidas entre a veciñanza de Ourense para reclamar a mellora dos servizos ferroviarios na Galiza e conectar as diferentes vilas e cidades,  a través de máis frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das persoas usuarias. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reivindica o ferrocarril como un servizo público básico, universal e economicamente sustentábel e demanda ao Goberno do Estado realizar todas as accións necesarias para promover o seu uso entre a cidadanía “como medio de transporte colectivo máis verde, eficaz, eficiente e sustentábel”.

A frente nacionalista entrega na Delegación da Xunta de Galiza en Ourense as máis de 1.500 sinaturas recollidas co obxectivo de que as administracións, galega e estatal, realicen as medidas necesarias que contribúan a reverter a situación de déficit, deterioro e abandono das infraestruturas ferroviarias na Galiza. Na entrega das sinaturas, ademais de contar coa presenza do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participan os deputados no Parlamento da Galiza, María G. Albert e Iago Tabarés, o deputado provincial, Bernardo Varela, os concelleiros na cidade de Ourense, Luis Seara e Ruth Reza, así como diferentes responsábeis comarcais da organización nacionalista.

“Ourense é unha das zonas máis claramente castigadas por unha política de absoluta desidia do Goberno español e representa un claro exemplo do desmantelamento dos servizos ferroviarios promovido polos sucesivos gobernos do Estado" explica o deputado do BNG no Congreso. “Un Goberno que usa moita palabrería en favor da transición ecolóxica mais, despois, non actúa en consecuencia porque non está apostando por unha mellora dos servizos ferroviarios, un modo de mobilidade eficaz, eficiente e sustentábel” incide.

A esta situación, engade Rego, hai que sumar a irreal oferta dos servizos ferroviarios “que non se adaptan as necesidades das persoas usuarias”. A frente nacionalista aposta por adecuar os horarios e frecuencias dos diferentes servizos ferroviarios, así como a recuperación dos desmantelados coa chegada da alta velocidade ou os suspendidos co pretexto da pandemia, e unha política tarifaria atractiva e accesíbel.

Rego defende que se atenda para o mantemento, xestión e extensión dos servizos ferroviarios a criterios non unicamente de rendemento económico, senón fundamentalmente de servizo público, garantindo unha cobertura suficiente de todo o territorio. “Reclamamos a necesidade de mellorar e ampliar a rede ferroviaria de interese xeral, a través da declaración do ferrocarril como un servizo público básico, universal e economicamente sustentábel e a posta en marcha de novas frecuencias axustadas á realidade e ás necesidades das persoas usuarias que permitan conectar os principais núcleos de poboación da Galiza e, neste caso concreto, Ourense” afirma.

Paralelamente, o deputado do BNG no Congreso denuncia a falta de vontade política do Goberno do Estado “que se nega a implantar o servizo de cercanías ferroviarias no noso País”. Rego non entende por que a estas alturas a Galiza é practicamente a única comunidade do Estado español que non ten este tipo de servizos en ningunha das áreas metropolitanas, a pesar de que no último proxecto de Orzamentos para 2023, o executivo estatal recolle a implantación de cinco novos puntos de cercanías ferroviarias no Estado.

Neste sentido, Néstor Rego urxe a transferencia das redes e servizos internos á Galiza para poder ofrecer un servizo esencial aos galegos e galegas a través da creación dunha entidade ferroviaria galega, tal e como acontece noutros territorios como Catalunya ou Euskal Herria. “Certo que a Xunta do PP de Feixóo nunca solicitou a transferencia, nin tivo interese en facelo, mais teñan a certeza de que, en breve, haberá un Goberno galego presidido polo BNG que converterá a mobilidade ferroviaria nun obxectivo central das súas políticas sociais” enfatiza o deputado nacionalista.

Conectar Ourense oriental a través do ferrocarril

Por outra banda, o deputado nacionalista fixo especial fincapé na reapertura inmediata das “estacións de ferrocarril da Rúa-Petín e o Barco de Valdeorras”, recuperando en ambas a atención presencial e poñendo en marcha frecuencias que comuniquen a comarca de Valdeorras con Ourense “en horarios que permitan unha conexión eficiente e uns desprazamentos con horarios e prezos axeitados para o acceso das e dos valdeorreses á capital e ao conxunto do país”.

Así mesmo, destaca as iniciativas rexistradas no Congreso para a recuperación dos trens nocturnos que conectaban con Barcelona ou Bilbao, así como do resto de frecuencias e traxectos eliminados de xeito paulatino nos últimos dez anos polos sucesivos gobernos do Estado, tanto do Partido Socialista como do Partido Popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG