A senadora do BNG, Carme da Silva, anuncia o rexistro de iniciativas para que o Goberno adopte as medidas necesarias que permitan a continuidade das investigadoras e investigadores perceptoras das axudas María Zambrano e Margarita Salas. Na súa aposta decidida por blindar e impulsar a investigación como sector estratéxico e de futuro para a sociedade, o BNG pide ao Goberno garantir e promover a estabilización do persoal investigador permitindo que este colectivo poida desenvolver o seu labor científico no Estado español e reter o talento investigador cun Programa Anual de Retención de Talento.
As Margaritas Salas son axudas para a formación de mozos e mozas doutores, é dicir, investigadores do Estado que saían dous anos a centros estranxeiros de excelencia para retornar o último ano aos seus centros de orixe no Estado. As Zambrano, á inversa: dirixidas a persoal investigador cunha traxectoria pos-doutoral non inferior a 24 meses en universidades ou centros I+D do Estado ou estranxeiros. As axudas estipulábanse para un período comprendido entre 1 e 3 anos.
Ante a extinción dos programas de investigación Margarita Salas e María Zambrano, o BNG vén de rexistrar iniciativas nas Cortes do Estado para que o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades desenvolva os mecanismos necesarios que permitan que os investigadores e investigadoras perceptoras destas axudas poidan continuar co seu labor.
As iniciativas, rexistradas despois de falar co colectivo, a senadora traslada á cámara a preocupación do persoal investigador e demanda o apoio do resto de grupos para solucionar este problema e, de maneira decidida, impulsar o campo da investigación no Estado español como sector estratéxico.
Garantir a estabilización e consolidar o persoal investigador
No que ten haber coas persoas perceptoras das axudas María Zambrano, Carme da Silva sinala que a inminente extinción dos contratos “suporá a interrupción de todo o traballo científico aberto co inicio deste programa e paralizará o impulso investigador”. Esta perda, continúa a senadora, suporá unha regresión para as Universidades e para a comunidade científica que non se pode consentir.
“É necesario que o Ministerio estabeleza unha prórroga mínima dun ano de vixencia das axudas María Zambrano nas Universidades do Estado e que o persoal investigador teña o tempo necesario que permita resolver os proxectos de investigación iniciados, así como outras equiparacións, acreditacións e certificados (R3) solicitados” defende a senadora nacionalista.
Así mesmo, Da Silva insta o Ministerio a aprobar, canto antes, a creación de prazas de Profesorado Permanente Laboral tendo en conta a experiencia docente e as estancias en centros estranxeiros. “É urxente confeccionar, en colaboración co persoal investigador, unha plataforma que permita reter o talento investigador cun Programa Anual de Retención de Talento ao que poidan presentarse todos os e as investigadoras dos programas de recursos humanos que non teñen posibilidade de presentarse a outras convocatorias” afirma.
Viabilidade futura e continuidade laboral
A creación do paquete de axudas para a Recualificación do Sistema Universitario do Estado español coincide no tempo coa modificación da liña de axudas ministeriais de postdoc (Juan de la Cierva-formación, Juan de la Cierva-incorporación, Ramón y Cajal) deixando sen opción viable e de continuidade ao persoal investigador que acaba este ano os contratos das Margarita Salas, xa que o programa de saída natural Juan de la Cierva-incorporación foi suprimido. Así pois, a única opción sería o programa Ramón y Cajal mais “non é un obxectivo realista xa que se produciría nesta convocatoria debido á eliminación tamén da modalidade Ramón y Cajal Junior”.
“O BNG, da man do persoal investigador, demanda ao Goberno do Estado crear os postos de axudante doutor previstos para o curso 2024/2025, tendo en conta nas convocatorias a experiencia en centros estranxeiros e fomentando o relevo xeracional” asevera Carme. Así mesmo, defende que se avalíe a experiencia internacional como mérito preferente nas convocatorias pos doutorais das diferentes C.A. facéndoas máis abertas e integradoras nos requisitos de solicitude.
O Goberno, apunta a senadora nacionalista, debe ofrecer viabilidade futura ás persoas investigadoras do Programa Margarita Salas, prorrogando os contratos desta axuda até que se produza a implantación efectiva do Programa de Incorporación de Talento Docente Investigador ás Universidades Públicas do Estado.
Por último, Carme da Silva propón ao Goberno do Estado que teña en conta os diferentes colectivos do persoal investigador para o deseño dun plan continuado permanente da carreira investigadora partindo do marco do Pacto pola Ciencia, con suficiente dotación financeira, recursos humanos, un calendario estábel de convocatorias e que se cubran as diferentes fases da traxectoria investigadora.